MÚSICA

Da ensoñación pura á acción

uploaded_guadi-1-_result
photo_camera Guadi Galego, nunha imaxe promocional.

A cantautora Guadi Galego presenta esta noite a partir das 23,30 horas na Praza Maior o seu último traballo, "Bóla de cristal"

As letras de "Bóla de cristal", o último traballo da cantautora Guadi Galego, chaman ao coidado e ao coñecemento, "non só dunha mesma, tamén das demais e do mundo que nos rodea", explica a propia autora. Galego ten claro que é necesario vivir dun xeito "colaborativo" para que o mundo "funcione mellor". "Unha das cancións di que a Vía Láctea pode deixarnos sen luz cando queira, e é certo. Somos puntos moi pequenos neste mundo e precisamos respetalo e implicarnos máis", argumenta. Galego confía no papel da música como impulsor de cambios sociais, como catalizador: "É unha palestra artística moi achegada á sociedade porque ten moito que ver coas emocións, polo que non é custoso reflexionar".

"Bola de cristal" (2018)  chega como punto e final á triloxía que comezou no ano 2014 con "Lúas de outubro e agosto" e dous anos máis tarde continuou con "O mundo está parado". A artista explica que comezou nunha etapa de "ensoñación" no primeiro traballo, que logo trocou por unha mirada máis negativa, onde se apreciaba o choque dos desexos co mundo "real". Porén, o último álbum supón un desexo dun "futuro", unha visión intimista pero "moi optimista" de cara ao que virá. 

A voz lírica déixase levar polos soños, xa que "é o único que nos queda a toda humanidade, sin importar o lugar de onde vés, os cartos que tes ou a túa profesión". Pero a cantautora defende que, ademais de soñar, é preciso actuar: "Creo que é un paso lóxico levar as túas ideoloxías e as túas utopías á acción, e creo que a xente xa está a facelo". 

Hoxe chega a Ourense coa súa banda, con "moita ilusión" e ganas de compartir a noite co público. "Temos un pouco de medo de que chova, pero animamos á xente a que saia á rúa cos seus chuvasqueiros e paraugas, que este é un espectáculo para bailar, cantar e sentir, e imos coa intención de pasalo en grande!", comenta. 


A SÚA TRAXECTORIA


Despois de formar parte de grupos galegos como Berrogüeto ou ACadaCanto, Guadi Galego decidiu comezar o seu propio proxecto en solitario no ano 2009, co álbum "Benzón".

Te puede interesar