CULTURA

O desexo dun museo para Benposta

Dibujo
photo_camera Alberto Canal.

Alberto Canal presenta ás 20,00 horas no Liceo unha novela na que homenaxea ao Circo dos Muchachos que o fascinou de pequeno.

Quen lles ía dicir ao Cuco e a Andrés Castro que aquela foto dando un chouto en Sidney co característico traxe dos muchachos de Benposta ía ser portada de libro anos despois. O xornalista Alberto Canal presenta ás 20,00 horas no Liceo a súa novela "O trapecista da malla de rombos", una viaxe "emocional" á utopía do Padre Silva a través dun neno ilusionado polo circo, Iupanki. No acto acompañarán ao autor Francisco Álvarez Muradás, exbenposteño; e Manuel Bragado, director de Xerais.

"É unha novela de motivación emocional que parte da miña infancia. O crego do meu pobo, en Santa María de Corvillón, estivo ligado ao circo e cando era pequeno contábame historias dos rapaces. A primeira vez que fun ao circo quedei fascinado, precisamente por esa idea de que quen o facían eran rapaces", conta Canal, que incluso aprendeu a facer malabares tras esa experiencia. Foi máis tarde cando naceu a novela, cando morreu o Padre Silva. "O mesmo día, cando lin o xornal, outra noticia dicía que o fundador do Cirque du Soleil comprara unha viaxe espacial. Esa contraposición con un proxecto que estaba esmorecendo e que foi case mítico, levando o nome de Ourense por todo o mundo e exportando valores de alegría e emoción, motivoume a aportar o meu gran de area", explica o escritor.

A mirada inxenua do neno protagonista guía ao lector por un mundo utópico que existiu e que ao autor lle gustaría recuperar dalgún xeito: "Caberían moitas posibilidades, mesmo musealizar a experiencia do que foi esa utopía. Un museo con novas tecnoloxías podería ter pegada para Ourense. Quen non vexa os valores deste patrimonio inmaterial está cego", propón.
De momento, queda a literatura coa novela "O trapecista da malla de rombos", con dous nenos de portada que foron reais, dous benposteños. "Agora teñen uns 60 anos. Unha das súas fillas, cando viu o libro, díxome: Agora sei que meu pai fixo algo importante". n

Te puede interesar