Axenda cultural

Diálogo artístico entre dous amigos

_ourense_021_result
photo_camera Baldo Ramos e Pepe Cáccamo, na inauguración da exposición en Ourense.

Baldo Ramos e Pepe Cáccamo presentan "A dobre páxina". Adéntranse na poesía visual empregando o libro como base da obra

Baldo Ramos e Pepe Cáccamo xa sabían da obra do outro, pero coñecéronse persoalmente no ano 2012, nunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro en Celanova. A raíz deste encontro, comezaron a falar de facer algunha obra conxunta. Así foi como naceron "Cara inversa" (2014),  "Libros conversos" (2016) e a recén estreada "A dobre páxina", que se inaugurou o pasado martes na sala da Afundación de Ourense, na Praza Maior, onde estará dispoñible ata o vindeiro 14 de outubro.

Na obra que pecha esta triloxía artística, os artistas decidiron desprenderse dun elemento que si estaba presente nos dous proxectos anteriores: a poesía. "Agora o libro vello é a base do noso diálogo, cada exemplar exponse aberto para ver a conversa entre os dous artistas, pero prescindindo do literario para centrarnos na poesía visual", explica Ramos. 

Trátase de libros que os artistas ían atopando polas súas casas, "temos libros gordos, consistentes, para soportar a obra, entre os que hai guías teléfonicas ou enciclopedias, por exemplo, pero co literario oculto". En ningún momento este proxecto estaba pensado para ser feito de forma individual, "porque o diálogo é constante, a dúas mans, de páxina a páxina". 

Para construír esta conversa –"entre dous amigos, artistas e poetas"– recurriron a libros antigos, que foron intervindo e despois pasando ao compañeiro."Quedábamos, cambiabamolos e facíamos a intervención, a resposta ao que fixera o outro". En total, os asistentes poderán ver case 30 pezas, con diálogos diferentes, pero todas unidas. "Hai libros que dialogan entre si, pero entre todos hai unha coherencia, froito de dous anos de traballo", conta Ramos. 

Trátase dunha exposición dun gran interese para o público porque, como explica o propio artista, "en Galicia apenas se ten investigado en poesía visual, por iso 'A dobre páxina' é unha achega a este ámbito". Invita aos ourensáns a visitar estas obras, para ver "comodous artistas, coa súa propia voz, son capaces de atopar un consenso creativo e construir un diálogo de humildade, respeto cara o outro e borrando a individualidade". 

Te puede interesar