AGENDA

A historia agochada nas tumbas

Ourense. 26-10-2016. Cementerio de San Francisco. Paz
photo_camera O cemiterio de San Francisco.

A Fundación Otero Pedrayo convida aos cidadáns a realizar un roteiro literario no Cemiterio de San Francisco, 
o próximo sábado día 14

Entre as tumbas dos mortos tamén se agocha a historia dos pobos. Así, a de Ourense pódese ler nas inscripcións das lápidas do cemiterio San Francisco da capital de As Burgas.

É por iso que a Fundación Otero Pedrayo realiza, unha vez máis, o "Roteiro dos amigos de Otero" o próximo sábado ás 11,00 horas, e no que poden participar todos aqueles interesados en coñecer un pouco máis da vida do escritor. A actividade enmárcase dentro da terceira edición do chamado "Abril Oteriano" que se celebrará durante todo o mes.

"San Francisco é un dos cemiterios que contén máis escritores por metro cadrado", comenta Afonso Vázquez Monxardín, secretario da fundación. Ademais de Pedrayo, no camposanto repousan figuras como Lamas Carbajal, Francisco Cuevillas, Blanco Amor ou Marcelo Macías. "Parte dos seus antecesores e mestres están aí, e tamén a súa familia, a súa muller e moitos dos seus amigos", explica Monxardín. 

O roteiro estará acompañado da lectura de textos do escritor ourensán extraidos da súa obra "O libro dos amigos", na que recolle semblanzas de personaxes relevantes na súa vida e na cultura e literatura galega. "E tamén recitaremos algúns textos propios dos seus amigos, como do poeta Ángel Valente", engade o secretario. Unha das curiosidades que os participantes poderán descubrir é a tumba clandestina de Valente, que está enterrado baixo o nome do seu fillo. 

Monxardín destaca que este roteiro sempre da bós resultados, tanto para os locais coma para a xente de fóra, que se sorprende da cantidade de escritores galegos enterrados en San Francisco. "Se o tempo acompaña, estaremos alí ata as 13,00 horas, e despois acabaremos tomando uns viños pola cidade", comenta o secretario, que convida a todo aquel que teña interese en saber un pouco máis da historia ourensá.

Te puede interesar