Esta influencer rectificada, interpretada por Laura Villaverde, ofrecerá aos espectadores un auténtico show televisivo en directo.
Unha tarde na aldea dos seus pais, Laura Villaverde tivo a idea de crear un personaxe imitando as actuais tendencias da rede, pero que defendese a vida no rural, e así foi como naceu Chola, a quen interpreta no espectáculo "Chola a it girl".
"Estaba coas miñas amigas de toda a vida e comezamos a falar de todo o movemento das 'influencers' e o impacto que teñen. Foi aí cando comecei a ler a moitos blogueiros e blogueiras para construir esta personaxe", recorda a actriz. Disto fai xa un ano, tempo no que Chola abriu o seu propio blog e a súa canle de YouTube, "Chola&Lola", onde da "consellos de beleza 100% natural, aproveitando a sabedoría popular, porque ela é unha it girl rectificada e do rural".
Agora, chega o espectáculo en directo, "Chola a it girl", que se pode ver esta noite no Fetega ás 22,30 horas, no Auditorio Municipal Manuel María. Asegura a actriz que os espectadores se atoparán cunha obra que non é teatro ao uso, senón que "a min gústame dicir que é un show televisivo, pero en directo e que fai pensar á xente, porque ten certa profundidade".
Tampouco Chola é un personaxe ao uso, ela é unha "it girl' rectificada, porque está convencida de que non todo ten que ser perfecto, como algúns mostran nas redes sociais", explica Villaverde sobre o seu alter ego no escenario
Ademais, tanto na web serie "Chola&Lola" como no espectáculo, esta muller aposta polo rural como algo "exquisito e selecto, como sinónimo de calidade de vida. Ademais, Chola ten unha conexión moi forte cos animais domésticos-"Lola é a súa galiña"- e coas súas amigas da aldea, que son interpretadas por actrices como Areta Bolado ou Noelia Castro".
Para aqueles que xa teñan vista a webserie de Chola, saben que esta muller, ademais de "it girl", é mecánica e piloto de rallies, pero no espectáculo haberá sorpresas. "Pasa algo inesperado e ten que confesar a súa paixón máis segreda, o que deriva nunha reflexión de que non todo é perfecto e as dificultades que ten por ser unha mecánica nun mundo de homes".