AGENDA CULTURAL

As letras dos "nosos" teñen música

zthbzfgbhnfgnf
photo_camera Pintura do padre Manuel Feijóo.

Mañá o Marcos Valcárcel acolle a presentación do terceiro recopilatorio da obra de Manuel Feijóo, ás 20,15 horas

"Meu tío era un bohemio, moi desordenado, perdía todas as partituras, pero afortunadamente están en vinilos e audios. Xunto coas que conservamos en papel, fan as 75 pezas que compoñen esta terceira recopilación da obra de Manuel Feijóo", conta Enrique Mourille Feijóo, sobriño do franciscano ourensano padre Manuel Feijóo (Outomuro, 1926 - Santiago, 1992), que deixou tras de si un gran número de composicións musicais de diferentes temáticas. Despois de "Obra Polifónica", onde se recolle a música de Feijóo "de misa solemne, para orquesta", explica Mourille, e de "Música de Nadal", chega a "pura música galega" recopilada en "Música da nosa terra". Este terceiro volume, que se presenta mañá  ás 20,15 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel é ademais  o "derradeiro, porque son estas tres obras esgótase toda a obra do meu tío", conta Mourille. 


"Unha música civil"


Esta obra comeza co verso musicado de Rosalía de Castro "Nasín cando as prantas nasen" e segue "coa música civil, a partir das obras literarias dos 'nosos", conta o sobriño do padre Manuel Feijóo. "Réquiem a Cuevillas", de Fermín Bouza Brey, ou a plegaria "Elexía de nai chorosa", de Alberto Camino, son algunhas das obras musicadas que se recollen en "Música da nosa da terra", xunto con textos de outros escritores do Rexurdimento, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Ramón Cabanillas.

A paixón pola literatura estivo moi presente na vida de Manuel Feijóo. Comezou a empaparse das letras durante a súa estadía en Padrón, "onde mamou todo o ambiente de Rosalía", relata o sobriño de Feijóo. Cando rematou a carreira de sacerdote, comezou a dar clase de literatura no seminario de Ourense."Eu fun alumno seu cando era neno e e recordo que tiña unhas condicións didácticas fóra de si, víaselle namorado da literatura da nosa terra cando nos lía as obras dos escritores galegos", recorda. 


Presentación musicada


Despois da presentación do libro, o grupo musical Resonet será o encargado de poñer son ás partituras de Manuel Feijóo. "Os fundadores desta agrupación son os fillos musicais do meu tío, medradon no Orfeón Terra a Nosa e estiveron co meu tío cando ía de xira por toda Europa", sentencia Mourille.

Te puede interesar