AXENDA CULTURAL

Mirada estival ao outono carballiñés

_DSC0154
photo_camera O parque de O Carballiño cuberto cun manto de follas marróns.

O fotógrafo José Luis Diz plasma o outono no parque do Carballiño, nunha mostra que serve como reivindicación deste espazo 

O contraste das cores da natureza son as protagonistas cada ano do outono e da primavera, especialmente no caso da primeira, onde os laranxas, amarelos e vermellos das follas das árbores caducas se mesturan cos intensos verdes de aquelas especies que se manteñen indemnes nos días de inverno e verán.

Por iso, José Luis Diz, fotógrafo membro da Asociación Fotográfica Os Potiños, de O Carballiño, elixiu o outono do emblemático parque da vila para a súa colección de fotografías, "As cores da natureza", que se expón ata finais de xullo no edificio consistorial. "A miña intención é que esta exposición rote por diferentes espazos de O Carballiño para asentarse definitivamente no edificio do Grupo de Actuación Ecoloxista Outeiro, ao que tamén pertenzo", explica Diz.

O desexo do fotográfo é que estas fotografías, expostas por pares para mostrar diferentes puntos de vista dunha mesma imaxe, cheguen ao máximo número de carballiñeses para que o parque volva ser un punto de interese, "máis alá de empregalo para celebrar festas, como a do pulpo. Quero chamar atención sobre este espazo para que se disfrute como o que é: natureza".

No outono de 2017, Diz colleu a súa cámara para recoller "todo o colorido da vexetación, desde o vermello do carballo americano ata o verde que manteñen as hedras". Ademais, explica que "nesta época do ano os días de luz teñen un calor  especial que é o ideal para facer as mellores fotos", das que elixiu para a colección 40, de entre máis dun centenar.

Te puede interesar