axenda

A música gnawa chega a Ourense

Tandub promete facer pasar unha boa noite coa súa música.
photo_camera Tandub promete facer pasar unha boa noite coa súa música.
O grupo Tandub fará soar esta noite os seus temas propios na praza de San Marcial, cun concerto moi "rítmico e diferente" enmarcado no programa de VeranÉarte.

A praza de San Marcial acollerá esta noite a actuación de Tandub. Un grupo que, ademais de facer que o público o pase ben, aproxima a Ourense unha cultura allea á nosa como é  a de Marrocos, un país ao que viaxaron os integrantes da banda en varias ocasións. 

Fai seis anos arrancou o proxecto dun grupo que hoxe ofrecerá un "concerto diferente" na céntrica praza da cidade e no que se mesturan varios ritmos como o reggae, a electrónica e a música gnawa, que aseguran " é moi versátil e combina con todo". 

"Utilizamos ritmos marroquís, que aquí non estamos acostumados a escoitar", sinala Carlos González "Puntxa", un dos cinco integrantes da banda. 

Esta noite queren ofrecer "un bo rato de bailoteo, de moita festa, pero tamén amosar a cultura Gnawa", na que é especialista o vocalista desta formación, Abdul Elgourd. Para elo, na actuación tamén contarán cun instumento propio de África, o hajouj.  

Os membros de Tandub sinalan que os que os escoitan definen a súa proposta musical como "diferente e fresca". Eles sinalan que se trata dunha "fusión" da música tradicional de Marrocos con bases electrónicas, reggae así como con arranxos "enfocados ao baile e a festa". 

"Puntxa", Toño Fernández, Javier Fragueiro, Pablo Cachafeiro e Abdul son os cinco membros dunha banda que no último ano está traballando máis ca nunca para facer vibrar á xente coa súa música. Unha proposta que dende o grupo explican que está tendo "boa acollida". 

Ademais dos temas propios da cultura gnawa, tamén ofrecen ao público temas propios que falan "do día a día, do que nos vai pasando". Tamén temas sociais, como o drama da inmigración sobre o que sinalan están "moi concienciados".  Por iso, nas súas actuación lanzan un "berro de axuda" á situación que viven os inmigrantes. 

Lugar: praza de San Marcial

Hora: Martes 6 de agosto, 21,30 horas

Te puede interesar