A praza de San Marcial acollerá esta noite a actuación de Tandub. Un grupo que, ademais de facer que o público o pase ben, aproxima a Ourense unha cultura allea á nosa como é a de Marrocos, un país ao que viaxaron os integrantes da banda en varias ocasións.
Fai seis anos arrancou o proxecto dun grupo que hoxe ofrecerá un "concerto diferente" na céntrica praza da cidade e no que se mesturan varios ritmos como o reggae, a electrónica e a música gnawa, que aseguran " é moi versátil e combina con todo".
"Utilizamos ritmos marroquís, que aquí non estamos acostumados a escoitar", sinala Carlos González "Puntxa", un dos cinco integrantes da banda.
Esta noite queren ofrecer "un bo rato de bailoteo, de moita festa, pero tamén amosar a cultura Gnawa", na que é especialista o vocalista desta formación, Abdul Elgourd. Para elo, na actuación tamén contarán cun instumento propio de África, o hajouj.
Os membros de Tandub sinalan que os que os escoitan definen a súa proposta musical como "diferente e fresca". Eles sinalan que se trata dunha "fusión" da música tradicional de Marrocos con bases electrónicas, reggae así como con arranxos "enfocados ao baile e a festa".
"Puntxa", Toño Fernández, Javier Fragueiro, Pablo Cachafeiro e Abdul son os cinco membros dunha banda que no último ano está traballando máis ca nunca para facer vibrar á xente coa súa música. Unha proposta que dende o grupo explican que está tendo "boa acollida".
Ademais dos temas propios da cultura gnawa, tamén ofrecen ao público temas propios que falan "do día a día, do que nos vai pasando". Tamén temas sociais, como o drama da inmigración sobre o que sinalan están "moi concienciados". Por iso, nas súas actuación lanzan un "berro de axuda" á situación que viven os inmigrantes.
Lugar: praza de San Marcial
Hora: Martes 6 de agosto, 21,30 horas