AXENDA CULTURAL

O medo a non ser ninguén

photo_camera Elena Seijo, Fernando Dacosta, Jesús Vázquez, Jacobo Sutil, Belén Iglesias, Dani Salgado, Fina Calleja e Sabela Gago, onte na presentación da obra.

"Celebración. A gran noite" é a nova aposta de  Sarabela: unha  crítica a través da comedia que retrata a sociedade do século XXI

Na mañá deste martes presentouse no Concello de Ourense "Celebración. A gran noite", o 52 espectáculo da compañía de teatro ourensá Sarabela, que se representará mañá e o venres no Auditorio Municipal da cidade, ás 21,00 horas. Na rolda de prensa, presidida polo alcalde, Jesús Vázquez, estivo tamén a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, o director da obra, Dani Salgado, e os actores que interpretan aos diferentes personaxes, coa ausencia de Nate Borrajo: Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fina Calleja e Sabela Gago. Tamén Jacobo Sutil, presidente de Agadic, axencia que subvenciona este traballo, que destacou "a polivalencia dos membros de Sarabela". 

Precisamente Dacosta, ademais de formar parte do reparto, é o autor do guion de "Celebración. A gran noite", inspirado nunha obra do dramaturgo francés Jean-Luc Lagarce.


"Levei a historia orixinal ao terreo da comedia, unha crítica social e política onde se tratan temas como a erótica do poder ou as renuncias que chegamos a facer aos nosos principios", explica Dacosta.


Esta reflexión abórdase a través de cinco personaxes, cada un coas súas peculiaridades: unha muller con problemas laborais, unha nena que quere que a traten coma unha adulta, outra cunha situación económica moi mala, unha rancia aristócrata vida a menos, pero que non o quere asimilar, e un home-interpretado por Dacosta-, con graves problemas de relación social. Estas cinco persoas coinciden nunha celebración, "onde se estás es alguén e se non, non es nada, algo que parece que ocorre tamén nas redes sociais a día de hoxe". Percataranse de que a pesar de estar convidados a este evento, eles non están nese "ambiente selecto, porque non hai comida para eles, algo básico para o ser humano, pero tamén unha metáfora de querer engordar no estatus social", reflexiona o guionista e actor. Ó final, algo pasará que os convertirá noutra cousa, moi diferente. 

Te puede interesar