AGENDA CULTURAL

A ópera nunca estivo tan preto

liricosss_result
photo_camera A Compañía Lírica de Galicia, nunha das súas actuacións.

O auditorio de Coles acolle este domingo, a partir das 19,00 horas, a Gran Gala de Ópera da Compañía Lírica de Galicia

"O noso principal obxectivo é acercarlle a música clásica a todo o público, vivas onde vivas", afirma Pilar Cabrera, directora técnica da Compañía Lírica de Galicia, que hoxe actúa en Coles. O auditorio do municipio acolle, a partir das 19,00 horas, a Gran Gala de Ópera. 

Non é a primeira vez que a compañía visita terras ourensás, polo que o repertorio está afinado ao gusto do público. "Estivemos en Coles e en Amoeiro, e máis ou menos xa sabemos o que lles pode gustar", comenta. Así, durante o espectáculo musical de hoxe, haberá espazo para algunhas das arias para soprano e tenor máis coñecidas da historia operística, como Carmen, de Bizet, ou Le nozze di Figaro, de Mozart, misturadas con algunas pezas "non tan populares" pero dunha "calidade extrema". 


O elenco


A actuación estará protagonizada por alumnos da Escola de Canto Lírico da compañía, e discípulos do barítono Fernando Balboa. Baixo a súa dirección, hoxe saen a escena Teresa María Vázquez, Susana de Lorenzo, Sara Permuy e Miguel Ulla. "Para Sara e Miguel esta é a súa primeira vez diante do público", dice Cabrera. Coas súas idades, 18 e 17 anos respectivamente, Cabrera non dubida que se terán unha "gran proxección" nos seus futuros. "Miguel é contratenor, o que significa que ten unha voz moi diferente para ser un home. Ten un ton moi difícil de atopar, é un xeito de cantar moi especial". Os seus agudos "sorprenderán" aos espectadores, así como a voz da xoven Permuy. Ademais, contan con dúas compañeiras "moi experimentadas". "Teresa gañou varios premios porque ten unha voz dunha forza impresionante capaz de levantar a todo o público", remarca. Susana de Lorenzo, pola súa parte, colabora con agrupacións de diversos xéneros músicais, o que se aprecia na súa "gran versatilidade vocal". 

A directora da compañía ten claro que esta é "una enorme posibilidade" para escoitar en directo algunhas das arias "de maior calidade artística" a nivel internacional. "É un espectáculo apto para todos, os que coñecen a música clásica e os que non", resalta. Deste xeito, anima aos ourensáns, veciños de Coles e do resto da provincia, a acercarse a súa Gran Gala. 

Te puede interesar