AXENDA CULTURAL

A outra realidade do acoso infantil

redrum_result
photo_camera "Contos do recreo" estréase hoxe no Auditorio de Ourense.

O Auditorio acolle unha reflexión sobre o acoso escolar en clave de humor, nun espectáculo centrado na participación do público

A compañía compostelá Redrum Teatro retoma a temática do acoso infantil na súa última obra, "Contos do recreo". Despois de abordar este problema en "A nena que quería navegar", dous anos despois decidiron profundizar un pouco máis, pero dende a perspectiva da persoa que acosa. 

Sheyla Fariña é a encargada de dar vida a Alicia, unha nena cunha personalidade moi agresiva que maltrata aos seus compañeiros. "Dende Retrum defendemos a idea de que na infancia non existe a maldade biolóxica, senón que as vítimas están dos dous lados da moeda", indica a actriz.

Con esta aposta teatral, que se estrea hoxe no Auditorio Municipal de Ourense, ás 12,00 horas, preténdese levar á reflexión, tanto a pais coma a nenos, da realidade que experimenta o acosador.


"A través de xogos e de enigmas vemos como detrás da personalidade agresiva de Alicia atópanse moitas carencias.  Agredir aos demais é a única forma que coñece de chamar a atención", explica Sheyla Fariña.


"Contos do recreo"diríxese a nenos e nenas a partir dos catro anos. "O acoso é un tema moi delicado de tratar, e máis a estas idades, polo que resulta imprescindible coidar o vocabulario. Intentamos que toda a obra sexa un xogo para que os máis pequenos comprendan a trama, pero sin aburrirse", explica a actriz. Para Sheyla Fariña esta non é a primeira vez que actúa nun espectáculo infantil. "É un público que esixe moita enerxía, porque como actriz precisas captar a súa atención de forma constante. Pero tamén é moi agradecido, polo que fan que actuar para eles mereza a pena", sinala Fariña. "Un espectáculo festivo, no que se xuntan diversión e reflexión, e no que aínda que se da algún momento dramático, predomina o humor", así describe a actriz "Contos do recreo". A través de xogos, adivinanzas e música, os nenos son testigos de como Alicia vai evolucionando, superando probas que a levan a ser empática cos demais e, polo tanto, mellor persoa.

Te puede interesar