La Región

Agenda

AXENDA

Un paseo pola cultura da vila

O roteiro "Eiró dun soño de verán" celebra a xornada festiva cun baile teatralizado no que se recrearán os grandes temas da música á vez que se percorre a historia de Allariz.
O roteiro busca aproximar a historia da vila aos asistentes.
O roteiro busca aproximar a historia da vila aos asistentes.
Un paseo pola cultura da vila

Como cada xoves estival, o roteiro "Eiró dun soño de verán" percorrerá as rúas alaricanas para achegar a historia da vila tanto a veciños como a visitantes.

Con motivo da xornada festiva, a desta noite será unha sesión especial: "Queremos adicarlle a xornada á xente nova cun gran baile de ficción", explica José Luis Quintana, membro da asociación cultural Alonso de Paredes, organizadora do roteiro.

Será un baile especial "no que se recrearán as danzas da época dos 50 e 60, repasando os grandes temas da historia da música, sen esquecernos das cancións galegas".

O roteiro teatral naceu fai cinco anos coa idea de "facer un paseo teatralizado polas rúas alaricanas para profundizar nos aspectos históricos da vila, así como nas pequenas historias que conforman a comunidade". 

Coñecer os alcumes dos veciños alaricanos, a incidencia da emigración na vila ou as profesións que se exercían na antigüidade son algúns dos pequenos feitos que dan forma á historia e cultura actual de Allariz. 

"Alfonso X El Sabio foi noso veciño e, polo contacto coas súas Cantigas, hoxe Allariz continúa falando galego". Este é un dos exemplos cos que Quintana explica a intención de "Eiró dun soño de verán".

Neste senso, aínda que a proposta está aberta a todos os públicos, busca especialmente atraer á xente nova. "Trátase de achegar o pasado aos máis novos para que coñezan máis de preto a nosa cultura ". Ademais, esta iniciativa ten un fondo reivindicativo en canto ao legado cultural: "Queremos que a persoa que asista se recoñeza a sí mesmo como alaricano e como galego, que sexa consciente de que se hoxe podemos falar galego grazas a unha conquista social", sinala Quintana. O teatro volta hoxe a Allariz, pero Quintana avisa: "Cada xoves é diferente, o público nunca sabe que pode pasar".

Lugar: Allariz

Hora: 23,00