Axenda Cultural

Sentir o teatro, cos cinco sentidos

sentido_result
photo_camera Integrantes de Trécola Teatro representan "Sentido".

Trécola Teatro inaugura o xoves a FITO con "Sentido", unha acción que representarán no Paseo para implicar aos ourensáns

Este xoves arranca unha nova edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que trae á cidade unha ampla programación de espectáculos para os dez días de certame. A compañía ourensana Trécola Teatro será a encargada de inaugurar a mostra con "Sentido", un espectáculo creado para celebrar a chegada do FITO.

"Sentido' é unha acción dirixida exclusivamente para este festival. Consiste en vivir a experiencia teatral dende os cinco sentidos: oído, vista, olores... sentir o teatro en toda a súa plenitude". Así o explica Tegra Vázquez, integrante de Trécola Teatro.

Trátase dunha peza que será interpretada este xoves, a partir das 19,30 horas, na rúa do Paseo. "Sentido consiste nun exercicio diferente e creativo. Cando unha persoa acude ao teatro sabe que se vai atopar cun traballo previamente organizado.

Pero unha función na rúa xoga co factor sorpresa na que o viandante non sabe con que se vai atopar", sinala Vázquez. Neste sentido, os propios actores tampouco saben que reaccións van despertar. "Aínda que a sensación xeralizada adoita ser positiva, sabemos que é un momento delicado, tanto para nós como para o público, polo que intentamos crear un intercambio de enerxía entre ambas partes", explica a artista. 

Esta non é a primeira vez que dende Trécola Teatro promocionan o FITO. "Dende historias cunha trama máis complexa a meras animacións, intentamos cambiar a nosa proposta en cada edición.

Por iso, este ano apostamos por breves pezas teatrais de carácter festivo que serán representadas varias veces ao longo da tarde", indica a artista. O obxectivo é contaxiar aos cidadáns da alegría que trae consigo o teatro. "Á hora de confeccionar unha proposta teatral, dende a compañía partimos da idea de que ten que chegar a un público moi heteroxéneo, dende maiores a pequenos. Polo tanto, debe ser un argumento sinxelo, comprensible por todos", argumenta Tegra Vázquez.

Te puede interesar