Axenda cultural

Títeres para aceptar ao diferente

20180929173733086
photo_camera Isabel García e Ero Vázquez, nun momento de "O agasallo de Anya".

"O agasallo de Anya" válese dos títeres para fomentar valores coma a igualdade e o respecto doutras situacións alleas a nosa realidade

"O agasallo de Anya" é un exercicio teatral que reflexiona sobre dúas realidades moi opostas que teñen lugar en escenarios dispares: Galicia e Ucraína. "O obxectivo é que nenos e nenas sexan conscientes de que existen outros mundos moi diferentes ao seu". Así o explica Isabel García, unha das intérpretes do espectáculo teatral que acolle hoxe o Auditorio de Ourense, a partir das 12,00 horas.

"Xiana é unha nena galega que vive con todas as comodidades das que gozan os nenos, e cunha familia que a coida; mentres que Anya vive nun fogar infantil en Ucraína, lonxe da súa familia", relata a artista.

Todo isto narrado mediante o arte das marionetas. "Máis aló de técnica, a esencia dos títeres está no sentimento que se pon. Aos bonecos transmitímoslles movemento, pero tamén emocións. Isto fai que os nenos se manteñan absortos coas figuras, esquecéndose da persoa que está detrás", indica a intérprete.

Ero Vázquez e Isabel García son os responsables de Teatro Marionetas Trécola, unha compañía adicada aos espectáculos con títeres dende a década dos oitenta. Dende teatro dirixido meramemente a entreter, a historias que van máis aló e que intentan transmitir unha serie de valores e de ensinanzas. "Intentamos fomentar os sentimentos de igualdade e de respecto, tanto ás persoas ou animais, como ás ideas alleas ou ao medio que nos rodea".

Neste sentido, a idea temática de cada obra adoita ser de produción propia. "Nesta ocasión fixemos unha excepción. Cando nos atopamos coa historia de Sabela Núñez 'O agasallo de Anya', pareceunos perfecta para interpretala porque encaixa moi ben coa nosa filosofía". 

Nun mesmo espazo físico, tanto os personaxes coma os espectadores emprenderán unha longa viaxe que os levará dende a primavera galega á neve de Ucraína. Unha historia dirixida a un público familiar "perfecta para ver e para sentir", na que a iluminación e a escenografía teñen un papel esencial para comprender a trama.

Te puede interesar