AGENDA CULTURAL

Unha troula dende Cabo Verde

caboverde_result

A música destas mulleres afincadas na mariña lucense chega ao centro cívico A Ponte para facer bailar ao público, a partir das 18 horas deste domingo

"A Galicia chegamos todas detrás do marido!", exclama en perfecto galego Antonina Semedo, unha das doce caboverdianas, mulleres de mariñeiros, que se xuntaron hai dúas décadas na Mariña lucense e deron forma a "Batuko Tabanka". Este grupo reivindica as tradicións musicais do seu país de orixe e dáas a coñecer na terra que as acolleu. Hoxe repiten en Ourense, cun concerto que se celebra no centro cívico A Ponte ás 18 horas e que se enmarca nas actividades de sensibilización do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade. Ademais, as caboverdianas de Burela están de dobre celebración: maio é o mes adicado a África.

A proposta musical de Batuko Tabanka reflicte a mensaxe máis positiva das migracións: o respecto e o diálogo. Elas, as doce caboverdianas festeiras, resumen isto en dúas palabras: "Sabi, sabi". A integración foi cousa doada para Antonina Semedo e o resto de integrantes do grupo. "E iso que cando cheguei aquí había poucas negras, pero nunca tiven ningún problema", conta. Iso sí, é consciente de que "aínda está o tema para arreglar en moitos casos". Coa música aportan o seu gran de area á convivencia entre xentes e culturas.

"Nos nosos temas falamos de emigración, racismo, maltrato de mulleres...", conta unha das integrantes de Batuko  Tabanka. Defínense como "doce loitadoras, cheas de forza, alegría, tradición e respecto". E esas cancións nas que buscan a sensibilidade e a integración, percorreron dende o ano 1999 lugares como Galicia, Portugal, ou Francia. "Tivemos unha repercusión enorme", recorda Antonina Semedo, que está moi contenta de volver a actuar en Ourense. "E que aquí fixemos un montón de cousas, viñemos en concerto varias veces", recorda.

O éxito que menciona a integrante de Batuko Tabanka fíxolles gravar dous discos e algunha maqueta. Un destes traballos, "Djuntamô", recopila colaboracións de artistas galegos como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño ou Treixadura. 


Unha auténtica festa


"Eu creo que en Ourense xa nos coñecen moito e saben de que vai a ir o concerto", ri Antonina Semede. Para os novos, a actuación de Batuka Tabanka é unha auténtica troula onde as cancións se mesturan co baile, co "batuko"–o seu instrumento–, batendo con forza. 

Te puede interesar