axenda

Viaxe ás raíces da música galega

ARXE presenta o seu primeiro disco en Vilar de Santos.
photo_camera ARXE presenta o seu primeiro disco en Vilar de Santos.

O grupo de folk ARXE presenta esta noite en Vilar de Santos o seu primeiro traballo, un disco que nace para recuperar e reivindicar as pezas da tradición oral galega.

O grupo de folk ARXE aterriza esta noite na Arca da Noe, en Vilar de Santos, para presentar o seu proxecto musical. Unha formación con pouco máis dun ano de vida que  naceu para "recuperar a tradición oral da cultura galega", sinala a vocalista da formación, Alba Faro.

Coa rutura de Riobó, dous dos seus integrantes, Marcos Campos e Xosé Liz, decidiron continuar facendo música "ao seu xeito". De aí naceu o que máis tarde sería ARXE, unha iniciativa que tamén conforman Harry Price, Jacobo García, Roi Adrio e Alba Faro. Todos eles definen ARXE como un "viaxe polas raíces da música galega", nun intento de conectar tanto coa enerxía e coa tradición dos nosos devanceiros.  "Todos os integrantes de ARXE formamos un tándem moi compacto e igualado, no que predomina a ilusión e o talento dos seus músicos", engade Faro.

Todo iso conségueno a través de "pezas cantadas, traballadas sobre pezas orixinais recuperadas polos membros do grupo", explica Faro, quen recoñece que tamén fan "un guiño ás novas creacións daqueles autores modernos que recuperan pezas tradicionais". Neste senso, inclúen influencias musicais de gaiteiros como Pepe Vaahamonde, Marcos Castro ou Ernesto Campos. 

Esta noite o grupo vigués viaxa ata Vilar de Santos para presentar o seu primeiro traballo homónimo, cuxo nome supón un pequeno homenaxe á xerga dos artesáns. "Arxe significa madeira, material do que están feitos todos os instrumentos do noso grupo", explica Alba Faro.

A súa estrea en Ourense será na Arca da Noe, un lugar especial para a formación por tratarse dun "local de referencia en Galicia, unha iniciativa fermosa que da visibilidade a novos grupos da cultura galega", sinala Alba Faro. Unha actuación na que o son das gaitas, frautas e pandeiretas recrearán os sons da tradición musical galega.

Lugar: A Arca da Noe, Vilar de Santos

Hora: 22,30 

Te puede interesar