AXENDA CULTURAL

Vidas unidas pola represión

"6 cubos negros en corpo branco".
photo_camera Carballiño acolle o vindeiro sábado a obra de Diana Mera "6 cubos negros en corpo branco" (SERXO GONZÁLEZ).

Diana Mera interpreta e dirixe "6 cubos negros en corpo branco", unha obra de contrastes na que pasado e presente conflúen gracias ao poder da opresión social

Diana Mera dirixe e interpreta "6 cubos negros en corpo branco", unha traxicomedia centrada na opresión familiar e social que readapta a obra de Lorca "La Casa de Bernarda Alba".

Unha peza teatral protagonizada por cinco mulleres cuxa escenografía composta por brancos e negros evoca un espazo frío e hostil, "unha representación daqueles estados mentais dos que é imposible sair", sinala Marta Pérez, unha das intérpretes da obra. 

"6 cubos negros en corpo branco" é unha obra de contrastes na que o vestiario xoga un papel importante. "Son roupas propias do século XIX, unha homenaxe á 'La casa de Bernarda Alba', que simbolizan unha sensación de pechamento que resulta imposible describir", continúa a actriz.

Esta época pasada contrasta coa linguaxe e expresións propias do ano 2019, creando un espectáculo que se move entre dous mundos e que denuncia como a sociedade é incapaz de sair desa opresión. Unha tiranía autoimposta que vén transmitida pola sociedade e que non nos permite ser libres para expresar o que pensamos. Nesta proposta Diana Mera configura un exercicio teatral no que combina a expresión corporal con diálogos e no que a traxedia convive con toques de humor negro e absurdo. Todo elo narrado a través de pequenas pezas que carecen de comezo e final e que xogan ao despiste.

Lugar: Auditorio Manuel María, O Carballiño

Hora: Sábado 9, 20,30 horas

Te puede interesar