AXENDA CULTURAL

Viñetas contra a violencia machista

hum
photo_camera Un dos paneis que conforman a mostra en Xinzo.

"Á violencia de xénero dille non" mostra 11 escenas que reflexan conductas agresivas e de maltrato dentro das relacións de parella en idades temperás

A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acolle ata o vindeiro 4 de novembro a exposición fotográfica "Á violencia de xénero dille non", un traballo para concienciar sobre os estereotipos nocivos que se dan nas relacións de parella.

A iniciativa, que chega á vila limiá a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, está composta por once paneis que reflexan as diferentes formas de exercer a violencia, tanto dende o punto de vista da vítima como do maltratador. 

"É unha mostra dirixida en especial á xuventude para axudarlle a previr aquelas conductas violentas e desapercibidas que se poden dar nunha relación de parella", explica José Luis Saburido, director do Centro de Información á Muller (CIM) de Xinzo de Limia. 

"Trátase dunha exposición moi visual elaborada mediante viñetas, que transmite unha mensaxe clara e directa, e na que se reflicten aqueles comportamentos e actitudes violentas que a sociedade ten concebidas como normais, pero que non deixan de ser formas de maltrato", indica Saburido.

Unha mostra para traballar na prevención de actitudes violentas, axudando a recoñecer e identificar aquelas conductas de control, manipulación, abuso ou chantaxe emocional, así como para fomentar a igualdade da muller na sociedade. "É un tema moi sensible e difícil de abordar, no que existe moita desinformación. Para un sector da poboación este tipo de actuacións trátanse dalgo normal, que forma parte da cultura machista que impera na nosa sociedade", sinala o director do CIM. 

"Á violencia de xénero dille non", que se pode visitar ata o vindeiro 4 de novembro, pretende traballar coas futuras xeracións para que sexan capaces de detectar e evitar aquelas situacións de maltrato. "No noso contexto, aínda contamos cunha forte herdanza machista, polo que queremos cambiar esa mentalidade".

Lugar: Casa da Cultura de Xinzo

Hora: de 9,30 a 13,30 e de 15,30 a 21,30

Te puede interesar