FORMACION

Aberto o prazo para poder inscribirse nos traballos arqueolóxicos de Armeá

a iniciativa, que se desenvolverá ó longo do mes de xullo, recibe cada ano arredor dun cento de solicitudes de alumnos interesados

O Concello de Allariz e a Universidade de Vigo abriron xa o prazo de inscripción para os interesados en participar nos traballos que se desenvolverán durante o verán no conxunto arqueolóxico de Armeá. Ámbalas dúas institucións renovaron o pasado día 20 de maio o convenio de colaboración que permite levar a cabo estas actuacións. Os alumnos que desexen formar parte da campaña deste ano poderán solicitalo ata o próximo luns, día 15, lembrando que se trata dunha actividade cunha alta demanda que cada ano recibe preto dun cento de interesados, de xeito que o alumnado de Arqueoloxía e Historia terá preferencia para acadar a súa praza. Para formalizar a súa inscripción deberán dirixirse á páxina web da Universidade de Vigo.

Os traballos de excavación, financiados polo Concello de Allariz, desenvolveranse ó longo do mes de xullo por un equipo formado por unhas 20 persoas e liderado polos profesores da Facultade de Historia do Campus de Ourense, así como por Fermín Pérez e Adolfo Fernández, membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat). Como é habitual, desenvolveranse dúas quendas de 15 días cada unha e permitirán continuar a campaña desenvolvida en 2018, que deixou descuberta case na súa totalidade a zona da atalaia, quedando pendente a excavación dalgún pequeno espazo ou de posibles capas inferiores. A participación dos estudantes completarase con tarefas de conservación, restauración e divulgación das áreas da zona de Armeá xa excavadas en edicións anteriores.

Te puede interesar