Acordo para reforzar o servizo da auga en Paderne de Allariz

Convenio Paderne de Allariz
photo_camera Ethel Vázquez e José Manuel Fernández no momento da sinatura.
Asinouse un convenio por valor de 275.000 euros que beneficiará, sobre todo, a San Cristovo

O convenio de colaboración que permitirá reforzar e completar o servizo de abastecemento de auga en Paderne de Allariz xa conta coa sinatura do rexedor local, José Manuel Fernández e da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e ascende aos 275.000 euros. Neste senso, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80 por cento coa achega de 220.000 euros. Tamén levará a cabo, do mesmo xeito, a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de cinco meses. 

Pola súa banda, o Concello de Paderne de Allariz contribuirá ao financiamento do 20 por cento restante, destinando 55.000 euros, a esta finalidade ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

O obxectivo desta ambiciosa intervención é, tal e como puntualizaron dende o Departamento Autonómico, dotar do servizo de abastecemento de auga ao núcleo de San Cristovo, xa que é único do municipio que na actualidade carece del.  O depósito de cabeceira se atopa a unha cota inferior ao dito núcleo, polo que a poboación de San Cristovo se abastece na actualidade a través de acometidas particulares ou colectivas.

Logo desta necesaria intervención unha poboación fixa de 62 veciños verase beneficiada. As obras recollidas no convenio consistirán na execución dunha rede de abastecemento composta por: conexión con rede existente, bombeo, novo depósito, impulsión para levar as augas ata o novo depósito de subministración e unha rede en árbore para a súa distribución.

Te puede interesar