Allariz apoiará a mozos en proceso de inclusión social

Contémplase unha atención específica a adolescentes menores de 16 anos, debido á existencia, continúan dende Allariz, dunha “crecente demanda” por problemáticas psicosociais a idades máis temperás. 

O Concello de Allariz acaba de reeditar, un ano máis, o seu convenio de colaboración coa Asociación para a Saúde emocional na Infancia e a Adolescencia -ASEIA- co obxectivo de dar continuidade ao  “Programa Alento para Atención de Adolescentes en Proceso de Inclusión Social”.

O programa, que se manterá ata o vindeiro 31 de decembro, está dirixido, tal e como precisan dende o Consistorio, a adolescentes que se atopan “en dificultades” no seu proceso de inclusión social e precisan dun contexto no que recibir apoio e intervención profesional por parte de especialistas en adolescencia nos eidos da psicoloxía, a educación social e o traballo social. 

Concretamente, contémplase unha atención específica a adolescentes menores de 16 anos, debido á existencia, continúan dende Allariz, dunha “crecente demanda” por problemáticas psicosociais a idades máis temperás. 

Ao longo deste 2023, establecerase un itinerario personalizado no que se favorecerá un proxecto de transición entre a adolescencia e a vida adulta. Para dita finalidade, dotarase aos adolescentes de recursos para xestionar a súa vida a través dunha intervención especializada, que terá en conta as súas necesidades reais. 

O Programa Alento estase a desenvolver por ASEIA, en coordinación cos Servizos Sociais do Concello de Allariz, dende o ano 2015 e de xeito ininterrompido, a través das derivacións realizadas pola área específica de Educación Familiar.

Te puede interesar