festa do boi

Allariz desexa que a Festa do Boi discurra “en paz"

Procesión de Xan de Arzúa, durante la celebración de la Festa do Boi del año pasado.
photo_camera Procesión de Xan de Arzúa, durante la celebración de la Festa do Boi del año pasado.

Xan de Arzúa aposta por que se manteña coa tranquilidade habitual

A falta de algo máis de dous meses para que as rúas de Allariz se dispoñan a recibir unha das súas grandes citas do calendario anual, a asociación cultural Xan de Arzúa xa ten lema para a Festa do Boi deste ano. "Teñamos a festa en paz!" é o berro co que os organizadores deste evento, que atrae cada ano a milleiros de persoas, queren que transcorra libre de calquera forma de altercado que poida ensombrecer a diversión. 

Se ben dende o Concello aseguran que non se ten producido ningún tipo de agresión nas anteriores edicións, queren deste xeito sumarse ó chamamento que nos últimos anos ten habido en numerosas celebracións de toda a xeografía galega e española. O lema pretende ser un reclamo para a convivencia, "entendida como un espazo común para o encontro, coa necesidade de establecer pontes para o entendemento entre as persoas diversas". 

Dende Xan de Arzúa explican que é precisamente esta "boa convivencia" a característica principal da Festa do Boi, algo que "fai posible que despois de décadas, se manteña máis viva ca nunca". Coa elección deste lema, o Concello de Allariz dende a Área de Igualdade, porá en marcha ferramentas persoais que garantan unhas celebracións libres de todo tipo de violencia. "Allariz exclúe as violencias dos seus eventos e rexeita firmemente os comportamentos machistas e os que traen consigo algún tipo de violencia", puntualizan dende a organización, poñendo como exemplo a propia Festa do Boi, "onde o ben común prevalece ás peculiaridades individuais e onde se unen esforzos para que a festa sexa festa".

Aproveitando a publicación do lema "Teñamos a festa en paz!", os responsables do evento agradecen a participación veciñal, pois son máis de 100 persoas as que colaboran voluntariamente nos traballos previos, máis de 600 as que conviven na procesión medieval e máis de 2.000 as que comparten espazo na cea popular. Por iso, para manter a tradición, "teñamos a festa en paz!".

Te puede interesar