Residuos

Allariz lanza unha campaña para mellorar a limpeza

Allariz limpieza
photo_camera A campaña de sensibilización da limpeza foi presentada no día de onte.
O Concello intenta sensibilizar aos cidadáns e visitantes do problema dos residuos xerados

O Concello de Allariz, a través das áreas de Medio Ambiente e Promoción Económica, ven de poñer en marcha unha campaña de limpeza baixo o lema Un Allariz máis limpo é cousa de todos. Así o informou onte o goberno local da vila nunha nota de prensa na que se sinala que "o obxectivo é concienciar á cidadanía, tanto veciñanza como visitantes, da importancia da súa colaboración no mantemento e coidado do noso entorno".

Con motivo desta campaña colocáronse carteis nos expositores da vila que serán difundidos, ademais, a través das redes sociais do concello. Na cartelería reza o slogan da campaña xunto con varios hastags que se utilizarán co obxectivo da súa difusión en redes "buscando a máxima participación cidadá en materia de coidado e limpeza do espazo público", segundo sinalaba a concelleira de Promoción Económica, María López. 

A iniciativa inclúe unha nova acción simbólica, este venres, "para mostrar  a cantidade de lixo que se xera en Allariz as fins de semana e que pretende baleirar as rúas de cabichas, bolsas de plásticos, excrementos de mascotas e outros residuos".

A través de diferentes actividades programadas no marco da nova campaña de limpeza búscase, segundo explica o concelleiro de medio ambiente Bernardo Varela, "manter a vila limpa coa colaboración de todos. Trátase de fomentar e mellorar a limpeza viaria nas rúas de Allariz". 

Segundo o Concello, nas vindeiras semanas, en colaboración co comercio e hostalería así como os centros docentes, levaranse a cabo diversas actividades de sensibilización e concienciación.

Te puede interesar