cociña

Allariz recibe a visita da cociña mariñeira da Guarda

Bea Lomba, Cristina Cid e Anxo Baz, durante a presentación.
photo_camera Bea Lomba, Cristina Cid e Anxo Baz, durante a presentación.

Cristina Cid tendeulle a man ó Concello da Guarda para explorar posibles vías de "colaboración entre o interior e a costa" e emprazounos a participar nas xornadas gastronómicas que cada ano se celebran co gallo das Festas de San Bieito

Allariz foi o escenario elixido polo Concello da Guarda para realizar a presentación da 29 edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, un dos eventos máis sonados do calendario festivo da vila pontevedresa. Ata alí trasladouse unha comitiva do Concello da Guarda encabezada polo tenente alcalde, Anxo Baz, e a concelleira de Turismo, Bea Lomba. En Allariz foron recibidos pola alcaldesa, Cristina Cid. Tódolos asistentes coincidiron en gabar as propiedades nutritivas deste marisco, que cada ano atrae a milleiros de persoas para celebrar o seu sabor no concello pontevedrés, unha festa declarada de Interese Turístico no ano 2014. 

Anxo Baz lembrou que a langosta forma parte do "patrimonio e do pasado" da Guarda e que a súa pesca e comercialización ten provocado un "efecto dinamizador" na economía do municipio. A decisión de trasladarse ata Allariz para realizar esta presentación veu motivada pola admiración que durante a súa intervención declarou sobre o proxecto político da vila, felicitando ós seus responsables por eventos como a Festa do Boi. Pola súa banda, Cristina Cid tendeulle a man ó Concello da Guarda para explorar posibles vías de "colaboración entre o interior e a costa" e emprazounos a participar nas xornadas gastronómicas que cada ano se celebran co gallo das Festas de San Bieito. 

A Festa da Langosta da Guarda celebrarase entre o 5 e o 7 de xullo e contará co humorista ourensán Moncho Borrajo exercendo de pregoeiro das celebracións.

Te puede interesar