ALLARIZ

Os apicultores estudan formas para acabar coa velutina

O sector denuncia falla de recursos para loitar contra esta especie e anuncia un acto reivindicativo para o día 4 de abril

A Escola Galega de Apicultura celebrou onte unha xornada en Allariz adicada á vespa velutina, o tártago de patas amarelas ou asiático, dirixida principalmente a apicultores e apicultoras de Ourense, na que recibiron información práctica para loitar contra este gran inimigo das abellas. 

Ante a falta de recursos para afrontar esta tarefa, na xornada AGA (Asociación Galega de Apicultura) anunciou "a convocatoria dunha concentración abelleira para o día 4 de abril en Ourense e denunciar a pasividade da Xunta de Galicia na xestión desta problemática".

As diferentes palestras e obradoiros desenvoltos centráronse no coñecemento sobre o comportamento da vespa velutina "e en particular as técnicas de control das que dispoñemos ata o momento, como o trampeo preventivo de raíñas, para evitar niños no verán, e uso de arpas eléctricas para a protección das colmeas", segundo puxeron de manifesto representantes do colectivo. Membros de AGA con moita experiencia nesta loita, amosaron a efectividade do trampeo para controlar a expansión e incidencia desta espece nas abellas. En particular, o delegado da DAGA Morrazo José Mª Bello, insistiu na importancia da colaboración dos concellos, "implicando a súa veciñanza na labor preventiva do trampeo". Os resultados obtidos polo traballo realizado por esta delegación amosaron que nos lugares con máis trampeo redúcese o número de niños ata nun 60%.

"A participación dos veciños é fundamental, pois os primeiros niños do tártago asiático atópanse sobre todo nas proximidades das casas especialmente se hai flores como as camelias", salienta a asociación. Por outro lado, Rafa Díaz da DAGA Ferrolterra amosou a efectividade das arpas eléctricas na protección das colmeas e expuxo os diferentes mecanismos que se utilizan. 

Te puede interesar