Apicultores de Galicia e Portugal daranse cita en Allariz

Presentación Produtos Apícolas
photo_camera Noela Torres, Bernardo Varela e María López.
A intención da organización é afastar a feira da súa idea tradicional de mercado e “amosar algo máis que os produtos da colmea”.

A vila de Allariz quere converter a súa Feira dos Produtos Apícolas nun evento de referencia a nivel galego para este sector. Este xoves pola mañá, Noela Torres, técnica da Asociación Galega de Apicultura; Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente de Allariz e María López, edil responsable da área de Promoción Económica, Comercio e Turismo déronse cita na praza do Matadoiro da vila co obxectivo de presentar a que será a terceira edición desta feira -que o ano pasado non puido celebrarse por mor da pandemia do coronavirus- e que reunirá tanto a produtores locais, como do resto de Galicia e tamén de Portugal. 

A data escollida para a súa celebración é o vindeiro sábado, día 4 de setembro.

En total e segundo se soubo trala presentación oficial, serán 12 os postos que se ubicarán na mencionada praza -nas inmediacións do Mercado da Reserva da Biosfera, onde cada sábado ten lugar o mercado de produtos locais- e que formarán un gran escaparate no que se amosará toda a riqueza e diversidade existente sobre este produto. O evento terá lugar en horario de 10,00 horas a 14,00 horas, e de 17,00 horas a 20,00 horas.

Na terceira Feira dos Produtos Apícolas de Allariz, os asistentes poderán adquirir tanto elaboracións con base na mel, como material apícola. Do mesmo xeito, o visitante poderá tamén coñecer unha gran variedade de meles e os diferentes produtos da colmea como o pole ou o própole e outros derivados da mel como, por exemplo, as infusións, cervexas ou cosmética apícola.

Segundo explicaron dende o Concello de Allariz, a intención da organización é afastar a feira da súa idea tradicional de mercado e “amosar algo máis que os produtos da colmea”. Ademais, durante esta xornada especial do vindeiro mes de setembro terá lugar unha actividade de degustación de meles cinco estrelas vinculada ao Programa Apiturismo, enmarcado dentro de O Teu Xacobeo 2021-2022.

COLABORACIÓN

Asociación Galega de Apicultura e Concello de Allariz organizan esta feira coa intención de poñer en valor este produto e todos os seus derivados. Non é a única colaboración que levan adiante as dúas entidades, senon que, ao longo do ano, a AGA e o Consistorio alaricano colaboran habitualmente con outras iniciativas como a celebración do Día da Abella. Tamén o fan mediante cursos de formación  para os profesionais que traballan ou queren iniciarse profesionalmente neste sector. A comezos do verán, tivo lugar en Allariz a realización das prácticas do Curso Básico de Apicultura.

Te puede interesar