ALLARIZ

Os arqueólogos deixarán ao descuberto a atalaia de Armea

Concello e Universidade presentaron a nova campaña de excavación e investigación no castro

A nova campaña de escavacións arqueolóxicas que desenvolverá a Universidade de Vigo durante o mes de xullo no castro de Armea, en Allariz, ten como obxectivo principal rematar de escavar a finca da atalaia, de propiedade municipal, deixando toda esta zona exposta ao público. Así mesmo, realizaranse varias sondaxes na contorna do xacemento para ver a súa potencialidade expositiva de cara ao futuro, entre as que se atopa a zona das Pioucas da Santa. A nova campaña presentouse onte no Concello de Allariz, nun acto presidido polo alcalde alaricano, Francisco García; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; e Adolfo Fernández, director, xunto con Fermín Pérez, da campaña.

Un equipo de vinte persoas, liderado por arqueólogos do Grupo de Estudos en Arqueoloxía da Universidade de Vigo volverá en xullo á zona para continuar sacando á luz un xacemento que se estima que ocupa unha superficie de oito hectáreas e do que só está descuberto arredor dun 5% da súa superficie.

Virxilio Rodríguez destacou que o proxecto de Armea recolle nos seus obxectivos as diferentes misións que cumpre a universidade, como  son a docencia, a investigación e a transferencia, "ademais do seu compromiso coa cultura galega e o seu territorio". A escavación enmárcase no convenio que asinaron hai tres anos a Universidade e o Concello de Allariz, unha colaboracion que servíu, segundo o vicerreitor, de exemplo para a posta en marcha de iniciativas similares noutros concellos da provincia.

O alcalde de Allariz, Francisco García, amosouse satisfeito pola evolución desta colaboración e sinalou que o Concello aportará este ano 30.000 euros á campaña. Así mesmo, resaltou a importancia de que "o territorio poña en valor os recursos que ten e indicou que accións como as levadas a cabo en Armea amosan como "do patrimonio se pode facer un activo económico".
Adolfo Fernández explicou que este xacemento ten a particularidade de "estar moi pouco escavado, o que fai que estea todo por facer" e que o que se faga haxa que tomalo con moito tino "para recoller todos os datos arqueolóxicos". Ademáis da atalaia e as pioucas, o arqueólogo afirmou que se farán actuacions de sondaxe en fincas privadas, co permiso dos veciños, "expandindo a intervención a zonas de escavación con potencial para abrir outra gran área de musealización".

Te puede interesar