artesanía

O Arte de man triunfou un ano máis en Allariz

Os participantes amosaron como fabrican os seus obxectos (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Os participantes amosaron como fabrican os seus obxectos (MARTIÑO PINAL).
A artesanía e os obradoiros estendéronse pola Praza Maior e a Praza de Abaixo da vila

A feira Arte de Man regresou á vila alaricana con máis dunha trintena de postos de artesanía e unha gran acollida de visitantes que se pasearon por ela, especialmente, nas horas centrais dun día que estivo marcado polas boas temperaturas. Nesta nova edición, os postos dividíronse en artesanía tradicional -cerámica, ou pintura- e moderna -téxtil, roupa ecolóxica para nenos e xoiería-. 

Durante toda a xornada dominical celebráronse, ademais, numerosos obradoiros, entre eles, un de palillos, outro de cestería, e outro de decoración de botellas con bimbio. Un caricaturista percorreu, ademais, toda a feira para que todas as persoas que o desexasen puidesen levar un recordo. Pola tarde celebrouse un último taller de encadernación. 

Esta nova edición foi un grande éxito para a organización, que salientou especialmente a afluencia de visitantes nas horas centrais do día e a partir das 18,00 horas da tarde. Centenares de persoas congregáronse na Praza Maior e na Praza de Abaixo para desfrutar dun evento que xa está consolidado na vila.

Te puede interesar