O BNG de Paderne critica a “precariedade dixital"

"Parécenos inadmisible que a día de hoxe a situación siga exactamente igual que hai máis dun ano", asegura Pablo Sobrino, voceiro nacionalista en Paderne. 
 

O Bloque Nacionalista Galego critica a "precariedade dixital" existente no municipio de Paderne de Allariz e lamenta, do mesmo xeito, os problemas derivados da falta de cobertura móvil e fibra óptica. "Parécenos inadmisible que a día de hoxe a situación siga exactamente igual que hai máis dun ano", asegura Pablo Sobrino, voceiro nacionalista en Paderne. 

Dende esta formación aseguran que se presentaron varias iniciativas ao longo do 2019. "Xa era moi necesaria a implantación deste servizo daquelas, agora xa é algo primordial", indica o voceiro do BNG, "xa que con motivo da situación de pandemia, son moitas as veciñas e veciños que deben ou poderían teletraballar, os rapaces e as rapazas que deben estudar e os autónomos e as autónomas que deben manter ao día a súa empresa". Neste senso, tamén se solicita información sobre as previsións de cobertura na futura galiña azul e no novo centro de saúde, próximos a inaugurarse. 

Nos últimos días, unha veciña de Paderne creou unha petición en Change.org reclamando mellores comunicacións. O rexedor, José Manuel Fernández, asegura que o problema está en vías de solución.

Te puede interesar