A campaña toponimízate buscará nomes en Allariz

Segundo subliñan dende a RAG, o motivo de escoller Allariz para esta actividade foi a falta de achegas da zona na cuestión da toponimia

A campaña “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, impulsada pola Real Academia Galega, fará parada mañá venres en Allariz co obxectivo de procurar na vila a colaboradores que axuden a recoller e difundir a microtoponimia da zona: Nomes de regos, leiras ou montes, empregando a aplicación colaborativa denominada “Galicia nomeada”. 

Segundo subliñan dende a RAG, o motivo de escoller Allariz para esta actividade foi a falta de achegas da zona na cuestión da toponimia: “Dende a posta en funcionamento, na plataforma para a compilación da toponimia tradicional galega só se recibiron dúas achegas públicas en todo o territorio allaricense”, lamentan. 

Vicente Feijoo, coordinador da aplicación e da campaña, centrará boa parte da charla -que estará presentada pola alcaldesa, Cristina Cid- en explicar o funcionamento da aplicación e todas as súas características, despois de concienciar sobre a importancia que teñen os nomes de lugar como patrimonio cultural, e da urxencia por rexistralos ante a súa acelerada perda.

Por último, haberá tempo para coñecer a orixe e significado dos nomes das parroquias de Allariz, así como dos seus lugares, unha información que conta coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, académico electo e membro do Seminario de Onomástica da RAG. 

A cita será na Casa da Cultura ás 20,00 horas.

Te puede interesar