PROVINCIA

Catro concellos alíanse no obradoiro de emprego “Reserva da Biosfera II"

Os traballos acometeranse en Allariz, Taboadela, Vilar de Santos e A Bola

O Centro de Promoción Económica de Allariz acolleu onte pola mañá o acto de presentación do obradoiro de emprego "Reserva da Biosfera II". No mesmo participaron os alcaldes dos catro concellos implicados neste iniciativa: Francisco García -Allariz-, Manuel Gallego -Taboadela-, Xan Jardón -Vilar de Santos- e Teresa Barge -A Bola-, xunto co concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, Bernardo Varela.

O proxecto, que conta coa colaboración económica da Consellería de Economía da Xunta, desenvolverase ao longo de nove meses nos devanditos concellos e participarán no mesmo 20 alumnos. Estes recibirán formación, ao tempo que desenvolverán os traballos que se programen ao longo dos meses de duración do obradoiro.

As actividades que acometerá esta iniciativa estará centrada fundamentalmente no medio ambiente e os participantes na mesma acometerán traballos dirixidos á recuperación e posta en valor de zonas verdes nos propios concellos, así como labores de limpeza e desescombro de zonas de interese ou acondicionamento de rutas de sendeirismo.

Así, no Concello de Allariz, un dos proxectos que se acometerá será o acondicionamento dunha horta escolar nunha finca que posúe o Concello nas inmediacións do novo edificio de educación infantil do colexio Padre Feijóo.

No acto de onte os rexedores fixeron un chamamento aos vinte desempregados que participarán no obradoiro para que aproveiten esta oportunidade e que ao tempo que desenvolven un traballo, se formen para poder atopar emprego no futuro.

Te puede interesar