ALLARIZ

A corporación municipal nomeará ó novo xuíz de paz

A sesión plenaria abordará os festivos locais para o vindeiro ano e as dedicacións exclusivas

A corporación municipal de Allariz reunirase este venres en sesión ordinaria para, entre outros asuntos, realizar a elección do novo xuíz de paz titular da vila. A convocatoria de eleccións para o nomeamento desta figura foi publicada no Boletín provincial o pasado día 2 deste mesmo mes outorgando ós interesados un prazo de 15 días naturais para presentar a súa candidatura. Será durante o pleno deste venres cando a corporación aprobe o nome da persoa que exercerá este cargo.

Na orde do día do pleno ordinario, o primeiro que se celebra dende a aprobación do organigrama de funcionamento do grupo de goberno, tamén se procederá á votación dos festivos locais para o ano 2020 e someterase a votación a modificación do réxime de dedicacións exclusivas aprobadas na sesión anterior, outorgadas á alcaldesa, Cristina Cid, e ó concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela. O pleno comezará ás 20,00 horas e incluirá unha quenda de rogos e preguntas para os asistentes.

Te puede interesar