TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Crisanto, creador de corais

Cristantop coral_result
photo_camera Crisanto Fernández, ante a Coral Ansuíña, la igrexa de Baños de Molgas.

Crisanto Fernández  era un bo home, paciente, xeneroso, amable, sinxelo, bo compañeiro e moi amante dos pobres

Está a piques de cumprirse un ano (o 11 de marzo) da publicación neste Testemuñas dunha reportaxe sobre a Coral Ansuíña de Baños de Molgas, na que comentaba que un dos grandes artífices que fixo posible que xente desa vila pasase dos "sachos ás habaneras", fora o Padre Paúl Crisanto Fernández. E nela xa comentaba que este home era merecente dunha pequena homenaxe por parte dun servidor. Pois aínda que non fun moi seguidor da Coral (por culpa da miña estancia en Madrid), si souben dos seus andares grazas á miña nai e si me admirou sempre o tesón e a ansiedade dunhas persoas que, algunhas delas, non tiñan nin idea do que era unha nota musical; tan só cantaban "á súa maneira" cavando nas hortas e nas patacas.

Crisanto Fernández creo que lles ensinou algo máis que notas musicais... daba gusto ver saír a Lola da casa cos seus setenta anos coa carpeta debaixo do brazo e dicíndome "imos ensaiar". E notábaselle na cara e no ton da voz que aquilo era algo moi serio, era algo máis ca dicir "vou tornar a auga". Daba gusto apreciar cómo un grupo de xente, de veciños, incluso coas súas diferenzas económicas, sociais, de emprego, etc. se xuntaban e convivían durante un par de horas ou máis, e "facían piña". Creo que Crisanto era a lazada da corda: que a apertaba ou a afrouxaba, segundo a ocasión, para que ninguén se lle fose "por peteneras", que non se lle saísen pola tanxente. Hai que lembrar que non todos temos a voz de Rocío Jurado ou de Nino Bravo, aínda que moitos intentamos imitalos. Grazas a este home bondadoso puiden escoitar á miña nai cantando e sen chamar a atención. Lembro de neno a vergonza que pasaba na misa ó ver cómo a xente se revolvía ante a voz da miña proxenitora. A verdade é que destacaba, e non pola modulación, senón polo volume. O director da Coral Ansuíña soubo moldearlla.

Crisanto Fernández Seoane naceu o 17 de agosto de 1942 en Reza, parroquia de Carracedo, concello de A Peroxa. Era o penúltimo de trece irmáns (calquera ve hoxe unha familia desas) Estudou primaria en Fraguas (Quintela de Leirado) e o bacharelato, como non, no colexio dos Milagres. Non sei por que, pero dáme que neste lugar estudou máis da metade da provincia de Ourense e parte do estranxeiro. Ó rematar no colexio do monte Medo de Baños de Molgas, tivo que largar para Vilafranca do Bierzo, porque era a onde ían os que se "presumía" que estudaban para curas. Cando concluíu co bacharelato seguiu con Filosofía en Hortaleza (Madrid) e Teoloxía en Santa Marta de Tormes (Salamanca). Tamén acadou a carreira de piano.

Entrou no Seminario Interno o 18 de setembro de 1960, que o fixo en Hortaleza, e incorporouse definitivamente á Congregación dos Paúis xusto cinco anos máis tarde. Ordenárono diácono o 30 de maio de 1968 en Santa Marta de Tormes. Axiña o mandaron como organista a unha parroquia de Madrid, á de San Roberto Belarmino, onde se mantivo un ano, xa que marchou para Vilafranca do Bierzo, tamén como organista e como profesor. Alí estivo durante sete anos, ata 1976, que foi cando o destinaron ó colexio de San Narciso de Marín, en Pontevedra.E de aquí, faltaría máis, ós Milagres, no 1980; de aí que eu non chegase a telo de profesor, xa que este molgués que escribe rematara alí os seus estudos no 1978, creo. Crisanto ensinou nos Milagres ata 1991, é dicir, ata que pechou o colexio; pero incorporouse á Comunidade do propio Santuario do Medo. No 2003 marchou para parroquias de Andalucía durante cinco anos, e logo xa se incorporou definitivamente a Santa Marta de Tormes, onde tras case dous anos de enfermidade (o último prostrado na cama e sen apenas recoñecer a ninguén -demasiado novo para isto), finou o día 16 de decembro de 2010, hai xa seis anos.

Certo que o motivo desta reportaxe débese á labor que realizou coas Corais Ansuíña de Baños de Molgas e Albricias de Maceda, pero non quero deixar pasar por alto o tempo que lle dedicou á etnia xitana desta última localidade coas súas iniciativas culturais para favorecer a integración dos mesmos, nin tampouco hai que esquecer a súa tarefa na prisión de Pereiro con, tamén, os reclusos da citada etnia.

Crisanto Fernández Seoane pode que falase pouco, que fose un chisco apoucado, pero era un bo home, paciente, xeneroso, amable, sinxelo, bo compañeiro e moi amante dos pobres. Pero ante todo, foi o que soubo mesturar os sachos coas habaneras.

Te puede interesar