formación

Un curso de verán tratará a paisaxe como elemento de narración

O programa terá como principais escenarios das intervencións prácticas os xacementos de Armeá e Santa Mariña de Augas Santas

Allariz acollerá durante a última semana de xulo o curso de verán "Paisaxes en narración", organizado pola Universidade de Santiago de Compostela. O programa terá como principais escenarios das intervencións prácticas os xacementos de Armeá e Santa Mariña de Augas Santas, onde os alumnos terán a posibilidade de formular proxectos que se valgan da paisaxe para reactivar a economía local e poñer en valor o territorio. 

O obxectivo do curso pasa por rexistrar os elementos que definen os rasgos de identidade dun lugar partindo da análise do territorio, das súas características e do recoñecemento dos significados outorgados pola comunidade a cada espazo. Durante os tres últimos días do mes de xullo, os alumnos chegados de toda Galicia participarán tamén nas ponencias da escritora Susana Sánchez Arins, da arquitecta Marta Somoza, do catedrático de Xeografía Rubén Lois, da directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, e do sociólogo Manuel García Docampo. Todos eles afondarán en diferentes aspectos como a creación de discursos a través da paisaxe, os símbolos e identidades ou o Camiño de Santiago, entre moitos outros. O prazo de matriculación do curso, cofinanciado entre o Concello de Allariz e a fundación Juana de Vega, permanecerá aberto ata o 15 de xullo.

Te puede interesar