PERSONAXE DO DÍA

Diego Amoedo Martínez: “O rural é un mundo vivo, que se repensa e adecúa ás novas formas produtivas"

Dibujo
photo_camera Diego Amoedo Martínez.

"Usos e desusos das terras de Tourém" de Diego Amoedo foi recentemente galardoado co "XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais" que otorgou a Fundación Vicente Risco

Un diálogo fluído, constante e poliédrico entre o habitante e unha aldea identificada como "a terra" no Parque Nacional da Peneda-Gerês é o argumento do traballo "Usos e desusos das terras de Tourém", recentemente galardoado co "XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais" que otorgou a Fundación Vicente Risco. O seu autor, Diego Amoedo Martínez, amosa algunhas das claves do texto e da vida no rural dende a súa estadía en Brasil.

Esperábase o galardón? 

Non esperaba o premio, porque me parece que un premio nunca se espera. Estou moi feliz por todas as persoas de Tourém que me pediran o meu mestrado como un libro, isto é froito do meu compromiso con eles.

Cal é o obxectivo do seu estudo?

O obxectivo principal foi tratar do que chamamos transformacións socio-territoriais na aldea de Tourém, concello de Montalegre (Portugal). Se desde a década de 1960–1970 hai unha masiva saída de forza de traballo das aldeas cara cidades e países distantes, eses lugares comezan a formar parte do territorio da aldea. Barcelona, Madrid, Francia, Suiza e Alemania comezan a ser territorios articulados e desarticulados desde a aldea. Ese é o comezo do meu traballo, cando vin que aqueles lugares eran parte dunha configuración territorial, dunha territorialidade específica na que o proceso de contacto entre as diferentes terras fai con que os ausentes estean presentes na aldea, participen coa súa ausencia.

Por que se decantou por Tourém?

Tourém chegou a miña vida polo camiño privilexiado do Couto Mixto. Me apaixonei pola historia do Couto Mixto despois de ler e escoitar o que sucedera nese enclave e fun ata o lugar. Cando pasei a ponte do Salas me encantei con aquelas persoas que viven na aldea, algúns xa mortos, a maioría máis vellos, pero agradables, abertos, loitadores e apaixonados polo que fan, decidín enraizar o meu estudo en Tourém, vía o camiño privilexiado…

Que conclusións extrae do seu traballo?

Podo falar de algúns elementos que considero interesantes e que colocan foco en procesos maiores. O mundo rural é unha configuración social complexa, diferente e mutable. Pero o que me chamou máis a atención é que é un mundo vivo, sempre repensándose, crítico con súas posturas, adecuándose ás novas formas produtivas, aproveitándose das posibilidades económicas, técnicas, tecnolóxicas desde o respecto e a sensibilidade que aquela forma de vida lles impón. Por exemplo, os agricultores de Tourém crían as súas vacas en réxime semi-extensivo, tratando de lles dar a mellor oferta alimentar, tratando que coman as mellores cousas e cunha dieta variable.

Poderíanse extrapolar ao rural ourensán?

Non existe un rural ourensano, ese é o punto central. Existen configuracións produtivas similares na rexión. Por exemplo os criadores de gado cacheno que hai en Calvos de Randín, algúns produtores de gando ovino-caprino nas aldeas de Requiás e Guntumil (concello de Muíños). Tamén hai configuracións de explotacións agrícolas na rexión moi diferentes como as granxas de engorde de gado avícola, porcino e bovino, o complexo agrícola da zona de Antela e tamén de leite, que responden a outros intereses, outras formas produtivas, outra relacións cos animais e as plantas. 

Cóntenos un pouco da súa vida, cal é o seu labor en Brasil?

Dende final de decembro son profesor asistente de Antropoloxía na Universidade Federal do Oeste do Pará e o compaxino cos meus estudos de doutorado que fago na Universidade Estadual de Campinas. No doutorado ampliei un pouco máis o meu horizonte de pesquisa e estou traballando tamén cos agricultores na aldea de Pitões das Júnias, acerca do coñecimento mobilizado nos procesos de innovación técnica e tecnolóxica da agricultura practicada alí. 

Supoño que é moi difícil conciliar con tanta viaxe.

Acabo de voltar dunha estadía na Universidade de Santiago de Compostela no que traballei co Catedrática Lourenzo Fernández Prieto no Grupo de Investigación Histagra. Estou intentando compaxinar as dúas vidas que teño conxuntamente coa familiar galega, quen máis sofren a miña ausencia son os meus sobriños, avós, pais, tíos, amigos e veciños. Son os que aguantan esta dinámica de vida errante.

Te puede interesar