formación

A escola de sexo de Allariz afonda na identidade individual

Uxía Fernández, Almudena Herranz, Cristina Cid, Maribel Poisa e Ana Cardoso.
photo_camera Uxía Fernández, Almudena Herranz, Cristina Cid, Maribel Poisa e Ana Cardoso.

A programación comeza cunha charla sobre a sexoloxía e a orixe da iniciativa que se pon en marcha

Entender ó individuo como un ser sexuado. Ese é o obxectivo da primeira Escola Sexolóxica de Verán, que dende hoxe e ata o venres reunirá no Fogar dos Maiores de Allariz a numerosos expertos para afondar na indentidade sexual dos individuos, máis alá dos conceptos tradicionais que rodean esta temática. Nisto coincidiron as responsables de tódalas entidades implicadas no programa formativo, dirixido a persoas de diferentes xeracións.

O título da proposta, "Educación sexual sen medo", xurdiu como resumo das metas formuladas con esta primeira edición da escola. Así o explicou a concelleira de Benestar Social, Maribel Poisa, durante a presentación da programación. Será a técnica de Igualdad do Concello, Ana Cardoso, a encargada de abrir as ponencias coa charla "Sexoloxía en Allariz: historia dun bonito encontro", centrada en explicar as orixes da iniciativa. A xornada inaugural completarase coa presencia do director do Instituto de Sexoloxía (Incisex), Efigenio Amezúa, que ofrecerá a conferencia inaugural, e co espectáculo de danza Rosa, a cargo de Nuria Sotelo. 

A docente de Incisex, Almudena Herranz, -que participará o xoves coa charla "A educación sexual non vai cambiar o mundo pero pode achegar outras cousas"- explicou que tódalas actividades organizadas dentro da Escola Sexolóxica de Verán están centradas "nos suxeitos e a convivencia", algo que "distingue este programa de Allariz das escolas que se celebran noutros lugares".

Tamén a alcaldesa, Cristina Cid, se amosou moi satisfeita coa celebración deste programa formativo ó colocar á vila nunha "posición de vangarda" mediante unha proposta que busca "entender ás persoas na súa totalidade". En canto ós temas que se abordarán nestes tres días de programación, Cid asegurou que actualmente "vivimos nunha sociedade na que estamos reinventándonos continuamente e isto obriga a non dar nada por feito", especialmente no que a relacións humanas se refire. Por iso, salientou a importancia de "traballar con xente nova, algo tremendamente complicado pero necesario porque serán os que decidan as formas de relacionarse no futuro".

Este traballo interxeracional plasmarase nas actividades simultáneas que se celebrarán na Casa da Mocidade con adolescentes e o contacontos que visitará o espazo Concilia Verán, para formar ós máis cativos en materia de identidade sexual. Charlas e obradoiros completan a programación desta primeira edición da escola sexolóxica.

Te puede interesar