Provincia

A feira de Allariz resiste ás baixas temperaturas

O sol e baixas temperaturas marcaron a xornada de mercadiño na vila alaricana.
photo_camera O sol e baixas temperaturas marcaron a xornada de mercadiño na vila alaricana.
A afluenza de vendedores e compradores foi menor que o sábado pasado

A tranquilidade reina en Allariz logo dun periodo de Nadal no  que foron moitos os que se achegaron á vila, especialmente nas fins de semana, para gozar da súa decoración especial e da súa oferta comercial. Esta calma se notou no Campo da Barreira este sábado, no tradicional mercadiño, marcado por unha xornada soleada pero cos mercurios baixo cero, e na que a afluenza de vendedores e compradores foi lixeiramente inferior á de sábados anteriores. "Normalmente temos afluenza á feira dos sábados, pero é verdade que se notou o feito de que moitas das persoas que pasaron aquí as súas vacacións xa non estiveran. A baixa temperatura que había tamén influiu nesta cuestión", explicou María López, edil responsable de Feiras e Mercados, quen supervisou o mercado a primeira hora da mañá, momento no que, como vén sendo habitual, tómase a temperatura aos traballadores da feira co obxectivo de garantir a seguridade na celebración do evento. Actualmente, e dadas as medidas restrictivas, Allariz -que está pendente da aprobación da nova ordenanza de venda ambulante- ten autorizados 83 postos e ampliou os pasillos da Barreira, especialmente na zona adicada ao sector da alimentación. 

A feira deste sábado coincidiu coa celebración doutras en Ribadavia, Vilar de Barrio, Maside e Doade, o que tamén puido redundar na menor presenza de persoas na vila alaricana. 

Hoxe domingo, o mercadiño desplazarase ata o Concello de Lobios.

Te puede interesar