A Feira de Outono volve á vila alaricana esta fin de semana

Dende o Concello de Allariz fan fincapé na importancia de “coñecer e valorar o produto que temos ao noso carón”.

A 25 edición da Feira de Outono de Allariz terá lugar esta mesma fin de semana -os días 12 e 13 de novembro- no pavillón do Instituto da vila. 

O principal obxectivo deste evento gastronómico é, ademais de recoñecer o valor do consumo sostible e tal e como subliñan dende o Concello, “promover, potenciar e valorizar os produtos desta estación”. 

Durante dous días, en horario ininterrompido de 10,30 horas a 20,00 horas, un total de 34 productores procedentes de Galicia, da zona do Bierzo e tamén do país veciño, Portugal, achegarán os seus produtos aos compradores. Haberá mel, cogomelos, noces, castañas e derivados de todos eles. 

DEMOSTRACIÓNS

Ademais da posibilidade de visitar os diferentes postos no pavillón, os asistentes poderán presenciar demostracións de cociña en vivo e catas. Celebraranse tamén obradoiros para os máis pequenos e haberá unha saída saída ao monte para aprender a recoñecer cogomelos. 

Os compradores poderán participar en sorteos que se celebrarán durante a fin de semana. 

Por outra banda, os hostaleiros sumaranse a esta iniciativa ofrecendo menús e tapas elaboradas con produtos de outono. Tamén sortearán unha comida para dúas persoas entre aqueles comensais que desgusten o menú especial proposto nalgún dos establecementos participantes. Este é un dos puntos que, como espazo gastronómico e para a degustación de produtos, se recupera este ano logo dun parón en edicións anteriores por mor da pandemia. 

Dende o Concello de Allariz fan fincapé na importancia de “coñecer e valorar o produto que temos ao noso carón”. Neste senso, subliñan que “temos unha despensa de excelente calidade e saudable que xera actividade económica entre os nosos veciños e chega directamente ao consumidor”. 

Por último, pídese aos cidadáns que se impliquen no proceso mencionado para que se poida chegar a un modo de consumo “máis sostible e xusto”.

Te puede interesar