Festa do Boi

A Festa do Boi, nove días e máis de 50 actividades

Procesión de Xan de Arzúa na Festa do Boi de 2022.
photo_camera Procesión de Xan de Arzúa na Festa do Boi de 2022.
Este sábado comeza en Allariz unha nova edición da Festa do Boi, unha das celebracións máis multitudinarias da provincia de Ourense, que se prolongará ata o 11 de xuño

Este sábado comeza unha nova edición da Festa do Boi 2023 de Allariz, unha das celebracións máis multitudinarias de Ourense, que se prolongará ata o 11 de xuño. 

Entre as novidades desta edición está a imaxe da festa que foi froito dunha colaboración coa Fundación Vicente Risco. Con motivo do 60 aniversario do falecemento de Vicente Risco, a Fundación cedeu uns debuxos do escritor ourensán nos que aparecen representados gando vacún, feiras ou escenas do rural. Ademais, as imaxes utilizáronse tamén para o pano, as camisetas e para a programación.

Neste 2023 tamén se cumpren os corenta anos da recuperación da Festa. Corría o ano 1983, cando un grupo de mozos alaricanos decidiron recuperar que un boi percorrera as rúas de Allariz, e grazas a iso festexaremos nesta edición o corenta aniversario.

Durante a presentación da festa, Antonio Blanco, membro da Fundación Vicente Risco, explicaba que no proceso de catalogación de material gráfico que a Fundación está a realizar nos fondos, apareceron varios debuxos de gando, que Vicente Risco utilizaba para ilustrar os estudos que estaba a realizar.

Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz. Cristina Cid resaltaba “a importancia de saber de onde xurde a Festa, de cara onde se quere ir para que actividades coma esta se consoliden no paso do tempo”. Así mesmo agradecía aos membros da Asociación Cultural Xan de Arzúa a súa implicación altruísta na Festa. “É unha festa organizada por persoas de Allariz para Allariz” explicaba Cristina. 

Máis de medio cento de actividades

Durante 9 días desenvolveranse máis de 50 actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi centrarán, un ano máis, a programación festiva.

A Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi.

Os nenos e nenas terán o seu espazo na Festa coa programación de actividades como as saídas do boi infantil, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil ou a actuación do mércores a tarde.

A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, e os tradicionais Zés Pereiras, entre outros.

A Festa do Boi conta cun orzamento de arredor de 82.000 euros, sufragado pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución, así coma entidades colaboradoras.

Te puede interesar