cara a cara

Fixar poboación e reducir a débeda álzanse como as prioridades de Allariz

Cristina CId, Luz Doporto, Zaida Rodríguez.
photo_camera Cristina CId, Luz Doporto, Zaida Rodríguez.

Con tres candidatas á fronte, os partidos con representación actual na corporación de Allariz concorren ás eleccións co obxectivo de fixar poboación e reducir a débeda.

1. Como valora a xestión municipal levada a cabo durante os últimos mandatos e cal é a súa visión da situación actual de Allariz?

2. Na actualidade, cal considera que é a urxencia máis apremiante que presenta a vida na vila?

3. No caso de que conseguise o apoio suficiente para chegar á alcaldía o día 26, cal sería a primeira medida que tomaría como rexedora? 


Cristina Cid (BNG)


1. Consideramos que a situación actual é boa. Se nos comparamos con calquera outro concello da provincia, á vista de tódalas estatísticas oficiais, en canto ó aumento de poboación, a creación de postos de traballo ou apertura de novos negocios, os datos son moi positivos e ningún destes anos deixamos de medrar. Cremos que a situación despois de tantos anos traballando pola dinamización económica e pola calidade de vida está dando os seus froitos e vese neses resultados.

2. Unha das liñas de traballo prioritaria pasaría pola despoboación das parroquias rurais, onde a poboación non crece tanto como na vila. Iso vai na liña do que estamos traballando na actualidade, tratando de aproveitar as superficies rurais e agrarias como foco importante de activación económica que fagan posible o asentamento do medio rural. Tamén temos que centrar os obxectivos no apoio a tódolos sectores comerciais.

3. Convocariamos a tódolos axentes económicos e sociais para compartir tódolos datos que temos do territorio e fixar unha priorización das accións para que esa dinamización económica e a calidade de vida continúe. Vistos os riscos que hai agora no noso entorno máis cercano, vamos necesitar dun nivel de consenso  elevado e dunha contribución importante de tódolos axentes.


Luz Doporto Real (PP)


1. Allariz neste momento vive un parón en inversión importante. A débeda está lastrando as inversións e o mantemento das infraestructuras que temos. Os dous últimos mandatos para os alaricanos foron abusivos pois sometéusenos a unha presión fiscal altísima, a máis alta da provincia, incrementando por exemplo o IBI un 50%, quen pagaba 200 euros de contribución por unha casa hoxe paga 400. E así con todos os impostos e taxas municipais. A miña valoración é de suspenso absoluto.

2. A máis urxente é baixar a débeda para non ter que seguir renunciando a subvencións e sacrificando inversión. A nivel de infraestructuras e servicios, as máis urxentes son cambiar todas as luminarias a led, completar os saneamentos, arranxar todas as estradas dos pobos e pavimentar os núcleos de poboación. Esas son neste momento as máis urxentes.

3. A primeira é a que me comprometín cos vecinos e veciñas: baixar un 20% o recibo de contribución urbana, un 10% o recibo de basuras e comezar a poñer en práctica o noso plan de inversión comezado pola sustitución de todo o alumeado público. Allariz merece recuperar a luz e o brillo que sempre tivo, e os alaricanos merecen ter uns servizos acordes ó seu nivel de esforzo recadatorio. É dicir, devolver aos alaricanos o que é seu.


Zaida Rodríguez Camba (PSOE)


1. Estes 30 anos de goberno monocolor pasaron factura e estamos ante un goberno apolillado. Allariz necesita un pulo, abrirse ó mundo e, sobre todo, e especialmente, pensar nas persoas.

2. A urxencia máis grande sería sanear a débeda municipal e rachar coa fenda entre vila e o rural, ofrecer igualdade de oportunidades para todos con independencia de onde se viva. Tamén desenvolver o parque empresarial de Chorente para que se asenten máis empresas e crear postos de traballo e a creación dun plan estratéxico para impulsar o turismo, que beneficie os pilares fundamentais da nosa economía, que son o comercio e a hostelería. Pero sobre todo, os socialistas de Allariz queremos incrementar o investimento pensando no Allariz das persoas, en políticas sociais, a través de tarifas sociais de auga e saneamento, por exemplo. Pensamos que Allariz coxea un poquiño en canto a políticas sociais.

3. A primeira decisión sería un plan de saneamento da débeda municipal, que ronda aproximadamente os 4 millóns de euros e que supón unha lousa que hipoteca calquera tipo de iniciativa, afectando ó pago de proveedores e lastrando o futuro do concello de forma preocupante. Pero, sobre todo, botariamos man das políticas sociais, que para nós son moi importantes.

Te puede interesar