concellocaro

O goberno de Allariz contará con catro concelleiros liberados

Membros do grupo municipal do BNG e do equipo de goberno municipal.
photo_camera Membros do grupo municipal do BNG e do equipo de goberno municipal.

A nova edil María López toma a testemuña da alcaldesa á fronte da área de Promoción Económica

O Concello de Allariz contará ó longo deste mandato con dúas dedicacións exclusivas e dúas dedicacións parciais, tal e como quedou aprobado onte durante o pleno de constitución dos órganos de goberno. A alcaldesa, Cristina Cid, e o tenente alcalde, Bernardo Varela, contarán cunha dedicación plena ó Concello e percibirán unhas retribucións anuais de 41.737 euros e 26.383 euros, respectivamente. Este último manterase á fronte da área de Medio Ambiente e Participación Social, encargándose ademais dos parques e xardíns e todo o relacionado coa reserva da biosfera. 

As dedicacións parciais recaerán en Helena Suárez, que se encargará da concellería de Servizos Municipais, e Alberto Conde, edil de Cultura, Museos, Persoal e que exercerá como conselleiro delegado na empresa municipal Reatur. Segundo explicou Cristina Cid durante a sesión plenaria, estas catro dedicacións "xustifícanse coa adicación e a prestación de servizos" que actualmente presta o Concello. "Excepto o Servizo de Augas, o resto da xestión realízase directamente dende a administración", puntualizou. 

No pleno, a rexedora deu conta do reparto das áreas de goberno, na que salienta a concellería de María López, que entra na corporación e que se encargará das áreas de Promoción Económica, Turismo e Comercio, competencias que ata agora recaían en Cristina Cid. O tamén novo concelleiro Iago Santás levará os temas de Mocidade, Infancia e Voluntariado; mentres que Samuel Conde, que tamén se estrea na corporación, será o concelleiro de Deportes e Accesibilidade. Pola súa banda, Olga Quintana será a titular das carteiras de Ensino e Normalización Lingüística e, por último, María Isabel Poisa continuará á fronte de Benestar Social. As sesións plenarias manteranse cunha periodicidade mensual e celebraranse o último venres de cada mes.


Liquidación de mediambiental alaricana


Durante a sesión plenaria de constitución dos órganos de goberno, o edil Bernardo Varela asegurou que a empresa Medioambiental Alaricana quedará liquidada "entre este ano e o que vén". Varela lembrou que a entidade realizaba "un gran labor pero non era sostible economicamente" e por iso se atopa agora no último tramo do proceso de liquidación. 

Asimesmo, Alberto Conde deu parte das contas da empresa municipal Reatur, que pechou o 2018 cun beneficio superior ós 326.000 euros. En canto á débeda que mantén a entidade, Conde puntualizou que ó longo de 2018 foi liquidado un préstamo por valor de 12.000 euros, de xeito que na actualidade quedarían pendentes dous préstamos bancarios máis por un valor total de algo máis de 45.000 euros cun horizonte de liquidación situado no 2020 e no 2023.

Te puede interesar