Allariz

Os gremios protagonizaron o día grande da Festa do Boi

ALLARIZ 21/06/2019.- Festa do Boi, bajada de gremios desde el castillo; Izado de bandera, y aparición de Xan de Arzúa. José paz
photo_camera Los gremios exhiben su música y vistoso vestuario en la jornada de ayer.

Unha vez acadada a súa meta da Praza Maior, os participantes procederon a realizar o acomodo de Xan de Arzúa no balcón da Casa do Concello

Os membros de cada un dos gremios da Festa do Boi recuperaron onte os traxes que permanecían gardados dende o pasado domingo para realizar a tradicional Procesión das Bandeiras. Co tempo unha vez máis do seu lado, como xa aconteceu na procesión medieval do Xan de Arzúa na que se escenificou a épica orixe da Festa do Boi, os diferentes colectivos gremiais partiron dende o Castelo ata a Praza Maior a ritmo de música. Xunto a eles, as charangas Treboada dos Zés Pereiras, Batucada Axóuxere e Os Bombos de Santiago de Sopo foron as encargadas de amenizar os pasos dos gremios camiño do centro da vila.

Unha vez acadada a súa meta da Praza Maior, os participantes procederon a realizar o acomodo de Xan de Arzúa no balcón da Casa do Concello, onde os gremios penduraron a bandeira para anunciar que a Festa do Boi 2019 entra na súa recta final. Despois de varios días adicados ós máis pequenos, as celebracións miraron de novo cara á súa orixe medieval máis pura. Por iso, os traxes volveron saír a relucir para unha das grandes xornadas das nove que conforman a Festa do Boi. Onte era día festivo en Allariz e iso notouse na afluencia de xente que, animada por un sol que se resistiu a facer a súa aparición, participou da diversión ó berro de "Aí vén o Boi!".

Finalizada a verbena, restan só dous días de festa en Allariz. O de hoxe comezará coa carreira infantil na que os máis pequenos da vila percorrerán as rúas "escapando" dun boi de cartón, que xa ten feito varias aparicións nas xornadas dedicadas ós cativos. A música non deixará de soar en todo o día en tódolos recunchos de Allariz mentres os máis osados se enfrontan ós bois nas dúas carreiras previstas para hoxe. A primeira delas será ás 13,30 horas, mentres que a segunda agardará ata as 20,30 horas.

Os actos do domingo volverán centrarse na animación musical polas rúas e terán como epicentro da xornada o maratón do boi ás 19,30 horas. Tras diso, Xan de Arzúa despedirase e retirarase na Casa do Boi ata o ano que vén.

Te puede interesar