Iago Santás: “Dende a década dos 80 moitos grupos galegos foron a voz das rúas"

undefined
photo_camera O director de Semente de Berrar, Iago Santás.
Iago Santás é mestre en Allariz pero sempre estivo vinculado a publicacións como revistas e fanzines de tipo independente. Agora dirixe un equipo que rodará un documental chamado Semente de Berrar, un proxecto que pretende recuperar a memoria dos grupos musicais e axentes culturais que recolleron nas súas cancións e publicacións aqueles acontecementos que marcaron a vida nas rúas e barrios de toda Galicia durante catro décadas. 

En que consiste o proxecto de Semente de Berrar?

Busca recopilar as testemuñas dunha serie de persoeiros e persoeiras vinculadas ao mundo contracultural, á música que se facía na rúa nas décadas dos 80 e 90 en Galicia, dende unha perspectiva máis social e non tanto artística.

Que acontecementos queren recuperar no documental?

Nunha época da nosa vida, no país, a droga foi un problema, a reconversión naval foi un problema, a AP-9 foi un problema, a diferenza entre rural e urbano foi un problema... Todo isto foi musicado e temos máis de 500 bandas con algunha canción sobre aquelas cuestións que non tiveron o alto falante para poder decilo. 

Que dinámica terá o proxecto audiovisual? 

É un compendio entre un traballo de arquivo e documentalista, pero o que máis queremos é poñer o foco nos protagonistas. Non so nos que tocaron nalgunha banda, senón tamén, por exemplo, nos vendedores de discos, directores de xornais  ou escritores e escritoras que, nalgunha das súas obras, recolleron estes movementos. 

En que fase se atopa este documental?

Comezamos cunha fase de "crowdfunding" -micromecenazgo- que vai moderadamente ben -en tres días recaudáronse case 3.000 euros- e comezaremos a grabar a finais de abril. A nosa intención é que en setembro esté rematado. 

Xa teñen localizadas a todas esas persoas para entrevistalas?

Si. Foi un traballo duro porque en Galicia hai moita xente con moito que decir. Fixemos unha preselección e, agora, quedamos con 40 persoas conmemorando un pouco eses cuarenta anos de música dende o 81 ao 21. Fixemos coincidir o inicio co primeiro disco de Siniestro total, que se pode considerar o primeiro de "punk" editado en Galicia.

Seleccionaron grupos máis reivindicativos?

Si, pero que non se entenda o reivindicativo como unha cuestión puramente política, senón que falamos de grupos que foron a voz da rúa dende unha perspectiva máis social. En moitas destas bandas os seus temas, por exemplo, eran case todos en castelán. Non queremos facer unha fronteira, senón documentar un fenómeno moi grande en Galicia. 

De que grupos falarán no documental?

Dende Viúda Gómez e Hijos, pasando por Los Cafres, Skacha o Killer Barbies. Non teñen nada en común, pero o nexo de unión foi o feito de participar nunha serie de movementos que non tiveron un altavoz tan grande. Queremos aportar unha visión amplia de como se viviron certos acontecementos dende as universidades, dende os barrios obreiros ou dende o rural. A visión dun rapaz de Ferrol no 85, un de Coia no 90 e outro de Ourense no 96. 

A música é fundamental. 

Si, dende o punto de vista de que todo esto do que estamos falando tivo unha banda sonora. 

Onde se grabará o documental? 

En todas as cidades galegas e en dúas vilas: Betanzos e Allariz.

Te puede interesar
Más en Allariz