Allariz

María Rodríguez: "O éxito do programa Re está no interese dos veciños por colaborar co medio ambiente"

Allariz

ENTREVISTA

María Rodríguez: "O éxito do programa Re está no interese dos veciños por colaborar co medio ambiente"

María Rodríguez Lafuente.
photo_cameraMaría Rodríguez Lafuente.

A Asociación Adega e o Concello de Allariz acaban de rematar unha campaña de concienciación e de sensibilización social dirixida a valorar o grado de aceptación do programa RE sobre a reciclaxe da materia orgánica, unha actividade que desenvolveu a educadora ambiental de Adega María Rodríguez Lafuente

En que consistiu o seu traballo?

Adega leva desde o principio colaborando co Programa RE posto en marcha en Allariz con diferentes campañas de sensibilización. Neste caso, tratábase de realizar enquisas porta a porta, pero tamén na rúa, para coñecer o grado de satisfacción da xente un ano despois da súa implantación.

Que lle dixo a xente?

A gran parte da veciñanza co que falamos xa estaba participando e, a maioría dos que non o facían, era por falta de información e ese mesmo día xa se levaron o caldeiro para casa.

Atopouse con algunha persoa contraria a participar no programa de reciclaxe de residuos orgánicos?

Si, un número moi pequeno. Dicían que non participaban porque non tiñan tempo, pero eu creo que é por preguiza. Quizais dá a sensación de moito traballo, pero só é cambiar o hábito. Incluír un cubo para os restos orgánicos na cociña, porque o resto é moi sinxelo. Como curiosidade, dende que se puxeron as áreas de compostaxe na vila, o Concello de Allariz constatou un incremento na reciclaxe do resto das fraccións. No vidro xa era alta, pero incrementouse ao igual que no colector amarelo e o de papel/cartón.

Cal é o grado de satisfacción dos veciños?

En xeral a valoración é moi boa, á xente gústalle colaborar co medio ambiente. Hai unha gran concienciación sobre a auga, a luz, o cambio climático... E con este xesto séntense partícipes de que están facendo algo bo.

Fixéronlle algunha recomendación?

Sí, xa ao principio nalgunhas zonas como no Fuxón suxeríronnos a posibilidade de crear un espazo dentro das illas para deixar os restos de poda, que ademais vénnos moi ben a nós para facer o estructurante co que mesturar os restos. Agora pedíronnos grifos de auga nas áreas para poder lavar o caldeiro e, nalgunhas zonas, máis luz para ir pola noite a botar o lixo.

Hai máis concellos que se sumaron ao modelo alaricano?

Existe algún punto de compostaxe ou proxectos como o da Deputación de Pontevedra, pero Allariz é pionero, e aínda o único concello galego, onde todos os seus habitantes poden levar a cabo a reciclaxe da materia orgánica. Porque ademáis das diferentes illas distribuidas pola vila, existe un programa de recollida porta a porta para a hostalería e, no rural, dispénsanse composteiros individuais. Por iso dende Adega queremos felicitar ao Concello por esta aposta forte e valente que permite pechar o ciclo. No fondo non é máis que facer o que se fixo toda a vida, sin ter que pasear os residuos por todo o país.

Más en Allariz