ALLARIZ

O Museo do Xoguete sumou 250.000 visitas nestes 25 anos

20190723193925190_result
photo_camera Algúns dos xoguetes antigos que compoñen a colección.
As instalacións museísticas máis visitadas da vila continúan na procura dun novo emprazamento

O Museo Galego do Xoguete de Allariz celebra o seu 25 aniversario tras recibir a visita de arredor de 250.000 persoas dende a súa apertura no ano 1994. Cada ano, unha media de 10.000 persoas acoden a coñecer a colección de xoguetes que albergan as instalacións e que na actualidade acadan as 1.500 pezas. Estes datos convérteno no espazo museístico máis visitado dos tres que compoñen a rede alaricana, tal e como confirma o técnico de Cultura do Concello, Juan Seara. Durante o primeiro semestre de 2019, xa son 2.500 as persoas que teñen pasado a título individual polas instalacións, sen contar as visitas guiadas.


Novo emprazamento


O cumpreanos do Museo do Xoguete chega co Concello na busca dun novo emprazamento que permita ampliar a exposición tralas doazóns que foron recibindo durante estes anos de funcionamento. Na actualidade, a colección de xoguetes está composta polas aportacións de 26 familias de toda Galicia e "estamos pendentes doutra", explica Seara. Por iso, dende o goberno local "seguimos na procura dun novo recinto, pero de momento non temos nada pechado", en palabras da alcaldesa Cristina Cid. 

En proxecto está tamén a organización dalgún evento relacionado con este 25 aniversario, co obxectivo de celebrar a evolución do museo dende a súa apertura. 

No tocante ó carácter das visitas, a maioría das persoas que se achegan son de procedencia galega, pero tamén son moitos os que visitan Allariz dende o País Vasco. Semana Santa e o verán son os momentos de maior afluencia, "tamén porque é cando está máis horas aberto o museo". 

En contra do que poida semellar ó falar do Museo do Xoguete, non son precisamente os nenos os que máis disfrutan das súas visitas -na maioría de carácter escolar-, senón que "máis ben son os adultos". Juan Seara explica que, na actualidade, os pequenos "están acostumados a xoguetes máis interactivos e as nosas pezas máis modernas son dos anos 80 e 90". A pesar de que lles chaman a atención algúns dos exemplares, o tesouro deste museo é o "fútbol de dedos", un xogo de 1919 que se alza como o máis antigo da colección e representa unha patente que non chegou a producirse en serie. Xoguetes de palla, os primeiros Cinexin ou algunhas das bonecas son, segundo explica Juan Seara, os máis demandados e aclamados polos 250.000 visitantes que teñen pasado polo Museo Galego do Xoguete nestes 25 anos.

Te puede interesar