ALLARIZ

Música e danza animarán as rúas durante a Semana Santa

20190404194918809_result
photo_camera Cristina Cid e Estela Iglesias, durante a presentación da programación.

O ano pasado a Oficina de Turismo da vila recibiu a 3.000 persoas de toda a xeografía española

Un ano máis, a chegada da Semana Santa encherá as rúas de Allariz de música, danza e actividades para os máis pequenos. Serán catro días de propostas lúdicas e culturais ás que este ano se engade a danza como principal novidade. Así, ós nove conxuntos musicais que ambientarán as rúas do casto histórico a partir do Xoves Santo, únese nesta ocasión a bailarina Licenciada Sotelo. Xunto a ela, haberá propostas musicais de diversos xéneros para tódolos gustos. 

Outro dos grandes atractivos da programación deste ano será unha visita interpretada polas rúas de Allariz, na que guías especializados da empresa Xeitura ofrecerán un percorrido diferente pola historia da vila. O aforo desta actividade será de 30 persoas e terá un prezo de cinco euros, agás os veciños, que terán desconto. Os mesmos guías percorrerán tamén Armeá e San Salvador dos Penedos con senllas visitas guiadas ás zonas arqueolóxicas da vila. 

Nesta liña de innovación, as rúas alaricanas acollerán tamén a membros do movemento internacional "Urban Sketchers", que se xuntarán para participar nunha maratón de bocetos. A idea dos organizadores é poder expoñelos proximamente no espazo A Fábrica. Precisamente os museos ampliarán o seu horario habitual, ó igual que o Mercado da Reserva da Biosfera, para poder acoller á maior cantidade de público posible.


Máis de 3.000 visitantes


Con toda esta oferta lúdica e cultural, o Concello de Allariz agarda superar as cifras de visitantes rexitradas o pasado ano. Entón, arredor de 3.000 persoas pasaron pola Oficina de Turismo. Para a técnica de Promoción Económica, Estela Iglesias, son datos moi positivos posto que "non tódolos turistas chegan a pasar" polo punto de información, o que quere dicir que na Semana Santa do ano pasado "viñeron máis deses 3.000". A maioría das persoas que se achegan a coñecer a vila e participar na súa oferta de ocio fano dende outras localidades galegas, se ben "o ano pasado tivemos moita xente de Asturias, Castela León e Madrid, ademais de todos os que veñen dende o País Vasco porque teñen familia en Allariz". 

Estes datos foron os rexistrados entre o Xoves e o Domingo Santo, uns días nos que a ocupación hoteleira "rondou o 100%". Coas novidades incorporadas na programación de "Semana Santa ao vivo" deste ano, o Concello agarda poder superar estas cifras, compostas na súa maioría por un público familiar. 
Por iso, e pensando especialmente nos nenos, haberá tamén xogos tradicionais na Praza de Abaixo durante os catro días co obxectivo de que coñezan como se divertían os seus avós e antepasados.n

Te puede interesar