ENTREVISTA

"Notas que te falta o dolor do ombreiro propio do remate do percorrido"

Benito Pérez Pérez
photo_camera Benito Pérez Pérez
Benito Pérez Pérez é o presidente da Confraría de San Bieito

Unha trintena de alaricanos, homes na súa maioría, compoñen a Confradía de San Bieito. A asociación foi creada no 2018 para velar polo patrón e o seu percorrido pola vila con motivo da súa festividade. Unha tarefa que, polo coronavirus, viuse limitada este ano.

Como xurdiu a confraría?

Eu xa levo moitos anos levando o santo, pero creouse no 2018 porque viamos que, cando a procesión chegaba a determinadas rúas, rompía e cando chegaba a cabeza á Barreira, o santo aínda viña na rúa hospital. Non había unha coordinación. O ano pasado, pedimos unhas emisoras e distribuímonos pola procesión. Cando viamos dificultades, parabámola e reuniamos á xente para chegar todos xuntos arriba. O ano pasado penso que o conseguimos e este ano íamos a volver facelo, pero as circunstancias...

Sodes os homes de negro do patrón?

Imos con camisa branca, aínda que este ano sumamos unhas mascarillas negras personalizadas e unhas chapas, para ter un pouco contenta á xente e unila un pouco, porque non é doado.

O segundo ano e se suspende,  como o vivistes? 

A situación é bastante triste, é diferente. Nós, que somos de 50 anos para arriba, estamos esperando que chegue o día para facer a procesión e este ano non puido ser. Aínda que encargámonos da saída do santo a explanada, non é o mesmo. Notas que te falta o dolor do ombreiro propio do remate do percorrido. Nós e as mulleres, que levan os seus santos correspondentes, e que este ano non saíron.

Lembra outra suspensión?

Fai uns anos mudouse para outro domingo por unha tormenta, pero non lembro que se suspendera.

Tendes algunha outra actividade o resto do ano?

Ao pasar a procesión, ao mes ou así, reunímonos para facer autocrítica e  corrixir cousas para o ano seguinte. Algunha vez colaboramos co cura, pero normalmente so estamos para San Bieito.

Como alaricano, que supón para vostede presidir a Confraría?

É unha honra, é o patrón do pobo. Cada vez que pasas por A Barreira, tanto no coche como a pé, sempre miras para arriba. Penso que é algo que todos os alaricanos levamos dentro. Están as outras igrexas, pero San Benito leva a palma.

Hai que cumprir algún requisito para ser confrade?

Vontade e gañas de participar. Todo o mundo é benvido, e mellor si son mulleres que hai poucas. Gustaríame recalcar que o santo non é da confraría, é de todos. Se alguén, nalgún momento, quere levalo, non ten máis que dicilo e por suposto que lle cedemos unha anda. Nós só queremos organizar as cousas para que todo vaia correcto.

Te puede interesar