La Región

FESTA DO BOI

A chegada dos bois encheu Allariz de mozos e visitantes

A "Festa do Boi" vive o seu primeiro día con ampla expectación

A chegada dos bois encheu Allariz de mozos e visitantes

As rúas de Allariz levaban días preparándose para a súa chegada vestíndose coa súa mellor cara porque cando eles veñen significa que chega o tempo da festa. Mentres as corporacións dos 92 concellos da provincia tomaban asento, eles preparaban as súas patas para botar a correr. En Allariz é tempo de bois e, como tal, os exemplares escollidos para as celebracións deste ano fixeron a súa aparición a media mañá para comprobar que os veciños seguían tendo as mesmas ganas de troula que nas últimas edicións. 

Nesta ocasión o tempo acompañou, así que dende Penamá colleron rumbo a San Salvador para anunciar que a Festa do Boi deste ano quedaba oficialmente inaugurada. "Houbo moito ambiente, tivemos un tempo marabilloso", explicaba o concelleiro Bernardo Varela contra a fin da xornada. 

Non foi precisamente ata última hora da tarde cando se realizou a tradicional proba dos bois. Non sen antes amosar os exemplares que correrán este ano cunha camiñada ata Paicordeiro. O grupo De Rúa Rúar foi o encargado de poñerlle música a este particular pasarrúas. Cada nota ía chamando ós veciños a participar do evento máis agardado do calendario festivo de Allariz.

Momentos antes de que os Homes do Sedeño lle rendesen homenaxe ó seu compañeiro Castillo, que este ano se retira como corredor, o Paicordeiro foi o escenario da recreación do trato do boi para proceder a trasladar ós animais ata a Barreira. 


Ensaio con éxito


Nas últimas semanas, os diferentes gremios que participan na festa estiveron ensaiando os seus roles para que chegado o momento todo transcorra segundo o previsto. E os bois non ían ser menos. Esta primeira xornada tivo como acto central a proba dos bois, que percorren as rúas da vila co obxectivo de comprobar que están listos para as carreiras que hoxe comezan. E si que o están. "Saíron catro bois e correron moi ben", explicou Varela. A pesar de que o ensaio resultou exitoso, rexistrouse un ferido leve que tivo que ser desprazado ata o centro médico polos servizos sanitarios para realizar unha avaliación dos danos provocados por unha caída, se ben non revestían gravidade. 

Foi a única nota discordante nunha xornada que transcorreu "moi ben", na que o tempo acompañou e na que, en definitiva, "houbo moi boa festa". Unha festa que non fixo máis que comezar dándolle inicio a nove días de programación. A xornada de hoxe será unha das máis aclamadas, pois ás 12,00 horas terá lugar a procesión medieval do Xan de Arzúa, que recrea as orixes da festa no século XIV. Será hoxe tamén cando comecen as carreiras do boi a partir das 21,00 horas.