Piden que se conserve o adoquinado de Maceda

Dende Compromiso por Maceda aseguran que tales elementos “forman parte do noso patrimonio e son un icono da nosa vila”. 

O grupo Compromiso por Maceda vén de solicitar que, no proxecto para a remodelación das rúas Aureliano Ferreiro e As Canteiras -que está a piques de ser adxudicado-, se conserven os adoquíns actuais e non se substitúan por unha capa de formigón. Dende esta formación aseguran que tales elementos “forman parte do noso patrimonio e son un icono da nosa vila”. 

Dende Compromiso por Maceda, defenden, ademáis, que na remodelación se aproveiten os adoquíns para facer o novo vial e esgrimen que a súa conservación contribuirá “a facer unha mellor remodelación dende o punto de vista estético e a facilitar a seguridade viaria por razóns acústicas e pola redución da velocidade de tránsito dos vehículos polo centro da vila, que non deberá superar os 20 quilómetros por hora”. 

Por último, nesta formación lamentan que no proxecto “non queda garantido que se vaian a realizar as obras de infraestrutura necesarias por debaixo da plataforma para solucionar definitivamente as deficiencias que a día de hoxe hai no servizo de subministro de auga potable, recollida de augas pluviais e residuais e cableado” e solicitan, do mesmo xeito, que se manteñan as árbores e se planten outras novas para humanizar o entorno.

Te puede interesar